
Narrativa, Edicións Xerais de Galicia, 2004
ISBN: 84-9782-202-1
Coa novela O exiliado e a primavera Manuel Veiga recibiu o Premio Xerais 2004, un dos galardóns literarios galegos de referencia. As ruínas da cidade amada (1998), Biografías de malogrados (2001) e Lois e Helena buscándose un día de tormenta (2006) conforman a produción literaria de Manuel Veiga, que se amosa como un dos narradores máis prolíficos de principios de século.
N’O exiliado e a primavera, Manuel Veiga achégase ao tema da guerra civil e as súas fatais consecuencias, liña temática moi frecuentada na literatura galega e moi necesaria para fomentar e garantir a memoria histórica. Trátase dunha anovada recreación: a mirada do exiliado que volve á súa terra despois de moitos anos.
Un narrador en terceira persoa relata o regreso de Alexandre Marrube, galeguista exiliado en México, a Galicia nos últimos anos do franquismo, un período temporal no que “Na rúa podes dicir case todo o que che pete, o que non podes é escribilo”. A voz do narrador mestúrase sen previo aviso cos monólogos breves ou diálogos dos personaxes favorecendo a polifonía. Alexandre Marrube volve a súa cidade natal para asistir ao enterro da súa nai cun breve permiso de tres meses. Dende a aterraxe do avión en Barajas e, sobre todo, dende o abandono do tren na estación de M., posibelmente Monforte de Lemos, Alexandre Marrube presta unha atención especial e continua a todo o que o circunda: ás paisaxes, ás rúas, aos edificios, aos letreiros, aos olores e, por encima de todo, ás persoas. Tras a exploración da cidade, a visita a uns familiares, permítelle contempla tamén o rural obtendo así unha visión máis completa da paisaxe natural e social galega. Marrube observa unha sociedade desmemoriada, unha sociedade servil e case agradecida ao réxime (incluso por parte daqueles que mantiveran un activo compromiso político), unha sociedade que esconde a súa propia lingua e se contenta cos encoros, coas pistas de asfalto, “coas cociñas de butano, lavadoras e frigoríficos, máquinas de barbear, chocolate e embutido dabondo para as merendas”. Fronte a isto, a loita clandestina e exenta de referencias no pasado, representada na figura de Loxo Castro, con quen o protagonista manterá longas, desacougantes e encaradas conversas. Ao lado, as persoas lastradas polos crimes e torturas da guerra, que xamais conseguirán superar. A visión pesimista e desencantada percibida polo exiliado conducirao á morte.
Cara ao final da novela, descóbrese que as últimas vivencias de Marrube foron narradas por un personaxe que na figura dun neno que lía El Capitán Trueno aparecera varias veces na historia do exiliado. Este, agora en primeira persoa, revela que a partir da contemplación dun cadro dedicado ao exiliado, sentiu fascinación pola súa persoa e tras unha investigación compuxo o relato de Marrube. Dous niveis narrativos, o relato dentro do relato, outorgando verosimilitude a unha novela na que os lindes entre realidade e ficción queren ser difusos.
Cunha prosa nidia pero moi densa conceptualmente que obriga a unha permanente atención do lector, Manuel Veiga escribiu O exiliado e a primavera: unha homenaxe aos exiliados e unha reivindicación da memoria histórica.