
Narrativa, Edicións Xerais de Galicia, 1994
ISBN: 84-8302-554-X
1994 (Xerais); 2000 (Xerais, 7ª edición)
Esta novela valeulle á autora o Premio da Crítica Galega. Foi a primeira muller galardoada e tamén foi a primeira vez que unha obra de literatura xuvenil obtivo este premio. A obra vai pola sétima edición en galego e foi traducida ao castelán e ao portugués.
No contexto da revolución “Gloriosa” -setembro de 1868- que destronará a Isabel II, a familia dos Goianes vive acomodada na Galicia costeira. Con todo, a casa tamén se prepara para un cambio: o maior dos fillos, Andrés, está a piques de embarcar nunha expedición científica polo Pacífico en calidade de zoólogo. Ninguén sabe que Emilia, a filla pequena, está a tecer o seu propio plan. Nun momento difícil para as mulleres, a nena aventúrase na procura da súa emancipación e das súas arelas de coñecemento e construción interior. Agachada entre a equipaxe do irmán, Emilia embarca como polisón no barco expedicionario. Facéndose pasar por un rapaz, e exhibindo os seus amplos coñecementos de entomoloxía, converterase axiña nun científico máis entre os homes do equipo.
Narrada en primeira persoa, a historia de Emilia Goianes é a dunha viaxe iniciática na que a protagonista, que parte con doce anos e regresa con quince, descubrirá o mundo e a vida a un tempo. O contacto con novos lugares e formas de vida, con novas persoas e coñecementos, conformará un extraordinario catálogo de experiencias nas que Emilia asentará a construción de si mesma e da muller na que se vai transformando. Este proceso vai acompañado doutro proceso paralelo guiado polo compromiso de Emilia coa equiparación de oportunidades e de dereitos das mulleres, sempre desde a súa individualidade e alén do seu sexo, mais mantendo igualmente presente a súa condición feminina. Os episodios da viaxe combínanse con pasaxes encol do feito histórico e da cuestión científica, mais a narración adquire un ton próximo ao diario cando dá conta das vivencias íntimas de Emilia.
Proba da grande aceptación que a obra acadou entre os lectores son as sete edicións tiradas até a data. No momento da súa aparición, A expedición do Pacífico supuxo unha importante novidade no panorama da literatura infantil e xuvenil galega por diversos motivos. En primeiro lugar, a obra sitúase no terreo dos grandes relatos de aventuras, expresado á maneira épica das singraduras mariñeiras; en segundo lugar, introduce o tema histórico nun catálogo xuvenil galego carente ata entón de exemplos deste tipo; por último, esta obra entra a formar parte dunha corrente de creación que tenta recuperar o protagonismo e o punto de vista feminino, unha corrente coñecida como “a favor das nenas” que partiu das propostas e as investigacións para a subversión de roles iniciadas por Adela Turin.
A expedición artellada por Marilar Aleixandre posúe un antecedente histórico real. O epílogo da obra, titulado “A verdadeira expedición do Pacífico”, vén dar conta da singradura que tres barcos españois realizaron entre 1862 e 1866. Estes feitos están relatados por unha nova voz narrativa que se aproxima moito á da propia autora. A súa decisión de recolocar a viaxe na etapa revolucionaria coloca a novela nun contexto histórico tan decisivo para a España do século XIX como fértil para o feito literario.