Libros

Love me tender

Outros libros

Autores relacionados:


Love me tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música

Ana Romaní, escritor
2,5/5 (2 votos)

Poesía, Editorial Compostela, 2005

ISBN: 84-8064-157-6

A poesía dos oitenta amosa unha paulatina incorporación da muller ao movemento de renovación poética. Á pioneira Pilar Pallarés seguiron outras poetas como Xela Arias, Pilar Cibreiro ou Ana Romaní. Unidas por unha percepción da literatura que pugna cos modelos patriarcais dominantes e que trata de recuperar a ollada da muller, fornecen un claro discurso feminista á poesía galega.

A Palabra de mar (1987), Das últimas mareas (1994) e Arden (1998), Ana Romaní engade Love me tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música. Neste poemario explora novos espazos poéticos mantendo unha actitude nidiamente feminista. Encabezan o poemario dous prólogos asinados por María do Cebreiro e Anxo Quintela, quen apuntan as claves temáticas da obra. En Love me tender, Ana Romaní reflexiona sobre a violencia de xénero, a violencia doméstica ou a violencia machista, segundo a denominación que se prefira. Diferentes e non sempre axeitadas etiquetas para aludir ao maltrato físico e psíquico que o home exerce sobre a muller dentro dunha suposta relación amorosa. A orixe da obra apunta, segundo afirma a propia autora nunha nota colocada ao final do poemario, a unha noticia de prensa que da conta dos fríos e altos porcentaxes de mulleres oprimidas, inxuriadas e aldraxadas polos seus homes.

Meditacións doridas que refiren a unha triste e cruel realidade agroman no conxunto de poemas (algúns xa publicados na rede) e unha fuga que conforman Love me tender. O sufrimento faise máis forte naqueles poemas postos en boca das propias mulleres aldraxadas: “que tanto me ama/ cando me ve fregando/ as frías baldosas do noso amor/ con lixivia/ amor con lixivia”, “O meu amante de alcatrán/ tingue vermella a melena/ dos días/ peitéoos eu/ devastada”, “Acábame/ Ámame tanto/ que me acabes”.

A fuga final de fasquía longa, se a comparamos coa brevidade dos poemas que a preceden (nalgúns casos con tendencia ao aforismo), funciona como síntese e reforzo da finalidade do poemario. Nela, ademais, asoman outros vocábulos “lei” “usura”, “capital”, que amplían a crítica ás ideoloxías dominantes.

Un léxico vinculado ao medo (“pánico”, “temo”) e, sobre todo, á violencia (“mutilación”, “matanza”) proporciona maior relevancia á temática de Love me tender. Non obstante, prevalece o illamento da linguaxe denotativa e a vertebración da furibunda condena a través de metáforas e símbolos. É significativo o emprego nalgúns poemas de espazos en branco, metáfora do silencio, que paradoxalmente tamén fala. A poeta critica a ideoloxía da opresión, do asoballamento e do medo e outorga a palabra ás que non teñen voz: poesía cívica con vontade de intervención. Love me tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música transmite amor magoado, paixón fendida, sufrimento intenso e violencia salvaxe. A súa lectura doe.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |