
Narrativa, O Tío Marcos da Portela, 1888
ISBN: 84-7507-442-3
1888 (por entregas, en O Tío Marcos da Portela); 1889 (Imprenta de El Eco de Orense); 1967 (Castrelos); 1990, 1997 (Xerais); 2001 (La Voz de Galicia)
Publicouse inicialmente por entregas no semanario ourensán O Tío Marcos da Portela entre o 21 de outubro e o 2 de decembro de 1888. Nas dúas primeiras entregas titulouse O Catecismo do gallego. Meses despois aparece a primeira publicación en volume independente, baixo o título Catecismo da Doutrina Labrega. Composto polo R. P. M. Fr. Marcos da Portela, doutor en Tioloxía campestre.
Nin O catecismo do Labrego nin ningunha outra publicación en vida de Lamas Carvajal foron publicados baixo a súa sinatura. En todas elas figuraba como autor o Tío Marcos da Portela, que tamén daba nome ao xornal fundacional da prensa galega que o propio Lamas Carvajal creara no 1876. Para o profesor Alonso Montero, non se trata dun seudónimo, senón dun heterónimo dun Lamas Carvajal que asume con autenticidade a personalidade dun aldeán. Porén, a invención do personaxe non é patrimonio do autor, senón que ten a súa orixe nun home real que viviu no século XVIII, un enxeñoso e agudo labrego que Frei Martín Sarmiento coñeceu e converteu no narrador do seu Coloquio de 24 galegos rústicos.
O Catecismo coñeceu un éxito editorial extraordinario no seu momento, chegando a publicarse noutros moitos xornais da época. No primeiro mes esgotáronse dúas edicións, nun ano fixéronse seis e chegaron a trece en vida do autor. Trátase dunha parodia do que, por entón, era o único libro coñecido masivamente pola poboación galega, o Catecismo de la doctrina cristiana do padre Astete, que fora instrumento de adoutrinamento imprescindíbel durante máis de tres séculos.
A obra de Lamas conserva a estrutura de pregunta e resposta propia dos catecismos para garantir a recepción de acordo coa súa finalidade didáctica. De feito, o seu estilo válese de modelos populares coñecidos: xogos de palabras, contrastes entre pregunta e resposta, antíteses, hipérboles, etc. Carece de trazos formais porque fica por completo ao servizo do seu destinatario: o labrego galego que vive no rural ou vén de se instalar no mundo urbano. Lamas escribiu, xa que logo, para xentes maioritariamente analfabetas. De aí a importancia de se publicar nun xornal, o soporte máis axeitado para a lectura pública a cargo dos escasos veciños letrados.
Lamas quere subvertir os valores transmitidos polos catecismos convencionais coa intención de facerlles ver as orixes dos seus males ás clases populares galegas: os axentes sociais -o alcalde, o secretario e o cacique- son responsábeis da precaria situación do campesiñado. Malia que o seu opúsculo era do máis proclive -tanto no tema coma na morfoloxía- a facer crítica da Igrexa, Lamas non a incluíu entre os obxectivos da súa sátira debido ás súas afervoadas conviccións relixiosas.
Ademais da defensa do pobo, a obra contén un segundo compromiso ético: a defensa da lingua. O uso do galego nun contexto reservado ao castelán demostra a súa vocación de resistencia ao proceso de asimilación que se vivía na época e que xa viña de vello. A escrita na lingua do pobo e mais os problemas tratados, extraídos da realidade do mundo rural, callaron no interese popular e impulsaron a veloz expansión, tanto d' O catecismo como d'O tío Marcos. O clima do momento era axeitado: tal como publicou o propio semanario, “no esprito dos galegos hai fame de que lles falen de xusticia”.
Obviado durante décadas por críticos e historiadores, a súa publicación pola Editorial Castrelos dos irmáns Álvarez Blázquez en 1967 fixo moito por que o texto gañase o recoñecemento que hoxe ten.