Libros

Outros libros

Autores relacionados:


Livro das devoracións

Pilar Pallarés, escritor
0/5 (0 votos)

Ensaio, Espiral Maior, 1996

ISBN: 84-88137-83-4

A década dos oitenta marca a incorporación paulatina da muller ao anovamento da poesía. Nun primeiro momento a poeta Pilar Pallarés representaba a presenza e a voz feminina, seguidamente a súa palabra poética foi compartida e continuada por poetas como Xela Arias, Pilar Cibreiro ou Ana Romaní. As súas propostas estéticas loitan contra as tendencias patriarcais dominantes e achegan unha óptica feminina e feminista. Pilar Pallarés participou na antoloxía De amor e desamor (dous volumes publicados en 1984 e 1985) e colaborou en diferentes revistas como A Nosa Terra, Dorna, Grial, Nordés, Luzes de Galiza e Festa da palabra silenciada. Asemade, a poeta publicou Entre lusco e fusco (1980), Sétima Soidade (1984) e Livro das devoracións, conformándose como unha das voces máis singulares da poesía galega. A obra conta cun prólogo de Luciano Rodríguez titulado “Acompañamento para O livro das devoracións”, nel repasa a traxectoria poética da autora e debulla as constates temáticas da obra.

O Livro das devoracións recibiu o Premio da crítica galega e o Premio da crítica española, galardóns que testemuñan a calidade artística do poemario. Na obra, Pilar Pallarés manifesta unha sentida e íntima reflexión existencialista: a vida e a morte anóanse e loitan. Nesa ligazón entre vida e morte parece prevalecer a aceptación, non exenta de dor e rabia, da fugacidade do tempo, da condición efémera do ser humano e da inevitabilidade da morte e a asunción dunha actitude vitalista: “Non teño medo à morte: aprendin a posui-la e convertin-na en rito”. Un dos alicerces esenciais nos que se basea a aceptación do carácter fuxidío da vida e do ser humano é a palabra, esta parece posuír o poder de perdurar alén da morte: “renazo nos límites acuosos/ entre a palavra sombra/ e o terror do abandono”, “Entrego-che palavras/ cativos froitos que encetou a dor". O amor, escorado cara unha sexualidade e un erotismo evidentes, é outro dos fundamentos da mencionada posición vitalista: “fósforo aceso no cerne do teu oso/ desposuir-me/ ser-te/ no músculo que tensa as túas coxas/ na vea que azúlea no teu pulso”, “ouh miña amada besta/ impreca-me/ integra-me/ deglute-me/ sacia-te de ti en min”. Non obstante, outras veces asoma a desolación absoluta ante o inalterábel devir temporal e a inexorabilidade da morte: “ouh tempo tempo morte/ cordón umbilical que me amalloa”. A seu carón, agroma a necesidade de apreixar o presente e o desexo de permanencia, apoiado no emprego abondoso de vocábulos como “fica”, “resistirei”, “renazo”, “regreso”, “retorno”, “resurxirei”, “voltarei” ou “memoria”. Asoman tamén no Livro das devoracións a soidade, a ruína, a decrepitude, o feminismo ou a liberdade.

Entre os recursos estilísticos dominantes figuran a metáfora, a interrogación retórica, o hipérbato e as construcións paralelísticas. Obsérvase tamén unha tendencia á prosa poética. Vida e morte, eros e tánatos, triunfo e derrota, optimismo e pesimismo, opresión e liberdade son algúns dos binomios en torno aos que se tece o Livro das devoracións, unha obra de posturas enfrontadas que destila unha gran intensidade.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |