Libros

Fábrica íntima

Outros libros


Fábrica íntima

3/5 (2 votos)

Poesía, Editorial Galaxia, 1991

ISBN: 84-7154-816-X

Fábrica íntima constitúe a estrea poética de Gonzalo Navaza, autor que ten outorgado á literatura galega títulos senlleiros como A torre da derrotA (1992), tamén no ámbito da poesía, ou Erros e tánatos (1996), no eido da prosa.

A crítica adoita situar a Navaza na poesía dos noventa, etiqueta máis funcional que definitoria, acompañado de poéticas tan diversas coma a de Arturo Casas, Helena de Carlos, Estevo Creus ou Emma Couceiro.

Con Fábrica íntima, obtivo o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón no ano 1989 e o Premio da Crítica Española en 1991, probas evidentes da calidade artística do poemario. Un limiar co título de “Exercicios de intimidade e estilo” de Ramiro Fonte preside a obra, nel o autor fai unha amistosa gabanza da persoa e do poeta Gonzalo Navaza e apunta algunhas das claves temáticas e estilísticas de Fábrica íntima, título orixinal que parece obedecer á labor artesán que implica a construción do poema, afastada do milagre da inspiración case divino. Deste xeito laborioso, Navaza crea os poemas que conforman Fábrica íntima.

A visión honesta e apesarada da fugacidade do tempo e da inexorabilidade da morte conforma o tema central de Fábrica íntima. Imaxes xa codificadas polo sistema literario universal e metáforas orixinais constitúen o vehículo idóneo para transmitir esta idea: “polos ríos escuros e as veas subterráneas”, “tece soa a súa tea a lenta tarántula/ e mide na dor a estatura da vida”. Arredor deste eixe temático latexan outros motivos que lle outorgan unha maior dimensión: a plena conciencia do devir temporal, a reflexión sobre o pasado, a soidade e o amor, temas que se achegan a unha esfera máis íntima. En ocasións, o amor parece debilitar a fatalidade do incesante paso do tempo: “e vive da convicción de que a vida prosegue/ mentres no peito aínda un corazón latexe”.

No poemario apréciase tamén un constante diálogo con outros textos literarios, pero non a través da acumulación de citas, senón que somerxidos nos propios versos resoan outras voces: “Ecos son/ dos ecos doutros ecos”. O culturalismo eríxese, pois, como un dos trazos esenciais de Fábrica íntima.

A metáfora, o símbolo, a ironía, a anáfora e as construcións paralelísticas (soporte estrutural de moitos poemas) son algúns dos recursos retóricos predominantes. A linguaxe é precisa e contundente, perfectamente acaída para a expresión de verdades universais como as que emerxen de Fábrica íntima. O emprego de versos longos outorga aos poemas un suave ton narrativo, que non invalida a súa delicada musicalidade. Navaza aposta, en ocasións, pola disposición visual dalgúns poemas, acompañamento e reforzo nidio do tema que transmiten.

Cunha gran claridade expositiva, a voz poética, case imperceptíbel, achega aos lectores e lectoras a dimensión tráxica da fugacidade do tempo e da certeza da morte. Gonzalo Navaza consegue anovar unha temática amplamente tratada pola tradición literaria, invitando unha vez máis a reflexión existencialista e desacougando de novo o interior do ser humano.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |