
Ensaio, Editorial Galaxia, 2000
ISBN: 84-8288-380-1
2000
Trátase dunha escolma composta por 405 cartas, escritas entre 1948 e 1970 e seleccionadas de entre os moitos centos que Fernández del Riego recibiu do autor e que compoñen o seu arquivo.
Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro coñecéronse nos primeiros anos trinta no seo das Mocidades Galeguistas. Desde ese intre, os dous amigos manterán unha relación do máis estreita tanto no terreo do persoal como no seu traballo por Galicia e pola súa cultura. De entre os moitos froitos que deu esta amizade, o inxente corpus de cartas que Piñeiro dirixiu ao seu colega posúe un extraordinario valor por dúas razóns: por unha banda, permiten coñecer o pensar e o sentir dunha das grandes personalidades galegas do século XX; pola outra, transmiten unha visión desde dentro da causa galeguista nunha etapa especialmente difícil para Galicia.
Segundo explica Fernández del Riego no prólogo, nas cartas publicadas omitíronse os elementos máis persoais ou familiares das cartas orixinais. O obxectivo primeiro do editor foi dar conta daqueles anos de militancia, do constante “laborar por Galicia, pola súa cultura, pola súa lingua, axudando a crear novos órganos de opinión”. O resultado é un testemuño da intrahistoria do país, que abrangue tanto a política e a cultura como as relacións persoais dos intelectuais e dos escritores que a protagonizaron. Xa que logo, a achega principal do libro é informativa e contextual, mais expresada por unha voz próxima e emotiva que permite ao lector acceder á natureza da personalidade de Ramón Piñeiro.
A primeira das cartas escribiuna Piñeiro desde a cela da súa prisión madrileña, na que se atopaba pola súa actividade galeguista clandestina. Ao saír dela o ano seguinte, o intelectual comproba con fondo pesar a grave perda de visión que o atacou na cadea. De regreso en Galicia, o contacto cos vellos amigos e coas antigas arelas devólvelle a Piñeiro o ánimo e o espírito precisos para retomar a loita polo país.
Esta edición recolle só unha parte moi pequena do enorme legado epistolar de Ramón Piñeiro, repartido nunha longa suma de destinatarios. É posíbel dicir que “cultivaba” o xénero epistolar e que tiña conciencia diso. O seu amigo Carlos Casares observou que o gusto e a frecuentación deste xénero se debeu ao “carácter familiar” da cultura galega da época e á necesidade de referirse a ela á maneira expresivo-comunicativa das cartas. Algúns estudos teñen coincidido en sinalar que moitos dos escritos de Piñeiro non son cartas, senón máis ben epístolas, por razóns de discurso, estilo, argumentación, extensión e linguaxe, e pola primacía da narración e da función referencial. Nesta escolma atopamos unha equilibrada mestura entre os textos epistolares e as cartas propiamente ditas, textos máis breves, máis coloquiais, non pensados para seren publicados.
Máis ca ensaísta ou articulista, el foi un autor de cartas: estas foron o seu principal instrumento de relación e comunicación. Por iso a lectura delas é a mellor forma de comprender as súas opinións e inquietudes, o seu ideario político e cultural e o seu sentir sobre o que é Galicia, sobre o que debe ser e sobre os esforzos que nesa dirección se deben acometer.