Libros


Anthology of Galician Literature. Antoloxía da literatura galega [1196-1981]

5/5 (1 votos)

Outros, Editorial Galaxia, 2010

ISBN: 978-84-9914-149-7

É un libro editado conxuntamente por Edicións Xerais de Galicia e a Editorial Galaxia, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo.

Esta antoloxía é unha obra dirixida por Jonathan Dunne e editada por Edicións Xerais de Galicia e a Editorial Galaxia, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, na que se reúnen 55 textos de 40 autores das letras en lingua galega, desde a cantiga medieval de Mendinho, universalmente coñecida, até os textos das xeracións inmediatamente anteriores á restauración da democracia: Xosé Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, etc.



Esta escolma vai precedida dunha introdución, elaborada polo propio Jonathan Dunne, na que se informa moi sinteticamente da historia desta literatura, así como se amosan os criterios de edición organizados por épocas e representativos dos diferentes xéneros literarios. Tamén se inclúe ao equipo de tradutores, 55 profesores, críticos e académicos de proxección internacional, que realizaron a selección dos textos.



En edición bilingüe (inglés-galego), a Anthology of Galician Literature, 1196-1981 nace para espallar a creación literaria en lingua galega polos grandes ámbitos académicos e profesionais onde as letras circulan: universidades, centros de estudos, lectores de lingua galega, asociacións de tradutores, críticos literarios, medios de comunicación especializados, editoras comerciais, bibliotecas e feiras internacionais.



Jonathan Dunne é un editor, ensaísta e tradutor, formado na escola da Filoloxía Clásica da Universidade de Oxford, está vencellado desde hai anos á literatura e cultura galega. É autor de libros como Even Though That e The DNA of English Language, recibiu numerosos premios polo seu traballo, e traduciu para o inglés obras de Carme Riera, Alicia Jiménez-Bartlett, Enrique Vila-Matas ou Manuel Rivas, entre outros. Na actualidade dirixe a editorial Small Stations Press.



Asemade, Edicións Xerais de Galicia e a Editorial Galaxia están a preparar un segundo volume, cos mesmos criterios de edición, onde se reflicten as creacións de autores que van dende o ano 1981 ata os nosos días.

Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |