
Teatro, Edicións Xerais de Galicia, 1990
ISBN: 84-7507-462-6
A traxectoria incómoda e contestaria de Euloxio Rodríguez Ruibal coñeceu con Azos de esguello (1989) un relanzamento logo de longos anos afastado da dramaturxia para adultos. A peza valeulle o premio Cunqueiro nese ano.
A finais dos anos oitenta, cando a peza Azos de esguello conseguiu o premio Álvaro Cunqueiro de teatro, a obra dramatúrxica de Ruibal levaba tempo calada. Dende as enigmáticas, cáusticas e surrealistas críticas sociais dos últimos anos da democracia e dos inicios da transición, aparellados á promoción Abrente da mostra de teatro de Ribadavia, Ruibal sumírase nun silencio creativo só interrompido por pezas de teatro infantil. Porén, esta obra de 1989 marcou un punto de retorno á súa carreira, practicamente á altura onde fora deixada.
Azos de esguello é o retrato de don Galisindo, un emigrante retornado da Arxentina que se dedica a todo tipo de negocios non sempre honrados e que fai panca no sistema democrático ("liberdades para isto") co apoio do diñeiro para conseguir maiores cotas de poder. Porén, el e a súa familia sofren o rexeitamento do resto da alta sociedade da vila ao careceren de dignidade e "elegancia". Os demais personaxes da obra, que chegan á ducia, funcionan unicamente como elementos de perspectiva para completar o retrato de don Galisindo: os pobres que viven na cachoupa embargada, a muller do alcalde atrapada nunha montaxe de adulterio, dúas prostitutas, o gobernador asasinado para que deixe unha vacante, ou don Neldo, o seu criado e brazo executor da maligna corrupción de don Galisindo.
O retrato, sen dobrez ningunha, alíñase coa cultura paródica descarnada d'O porco de pé de Vicente Risco, mais tamén coa produción anterior de Ruibal (Zardigot, A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruchestinto no derradeiro século da súa vida, etc.). Nelas, os personaxes chegan a unha simbiose expresionsita de características físicas ("manteigoso" é don Galisindo) e morais, e a trama narrativa pasa a un segundo plano. De feito, o motivo circular desta obra, que comeza e remata coa mesma escena e co mesmo diálogo entre don Galisindo e don Neldo ("en trances ben máis fodidos me teño atopado e decote saín triunfante e honroso"), reduce todos os acontecementos a un valor puramente descritivo e de crítica social.
A obra, de moi breve duración, está subdividida en trece escenas sostidas por diálogos e monólogos telefónicos, todas eles moi curtas e que funcionan a modo de cadros ou retallos de impresións. A acción practicamente desaparece, e nas escenas florecen parrafeos dunha lingua impactante que rompe coa realidade en beneficio da parodia: os ruralismos e enxebrismos comparten frase con xiros propios do español de Arxentina ou coa retórica da honra das obras do Século de Ouro español. As acoutacións, mínimas, achegan fundamentalmente información sobre os decorados, que funcionan como repetidores da crítica moral e de costumes da obra.