
Poesía, Editorial Compostela, 1993
ISBN: 84-86824-43-5
Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo, 1993; 2004, Colección Poeta en Compostela, Editorial Compostela e Concellaría de Cultura.
Crear o mar en Compostela constitúe a primeira obra de Marta Dacosta, se ben a súa poesía xa era coñecida, grazas ás ducias de poemas espallados en revistas ou presentados en recitais poéticos. A este poemario, co que obtivo o Premio de Poesía O Grelo no ano 1993, seguiron títulos senlleiros como Pel de ameixa (1996) ou En atalaia aberta (2000). A súa obra poética, inserida plenamente na poesía dos noventa, presenta tendencias estéticas que se poderían achegar ás de Fran Alonso ou ás de Estevo Creus.
A obra foi reeditada na colección Poeta en Compostela, publicada conxuntamente pola Editorial Compostela (Grupo Correo Gallego) e a Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela, amosando como única novidade a inserción de dous prólogos asinados por Rafa e Miro Villar. Na mesma colección, Poeta en Compostela, apareceron outros títulos xa publicados ou inéditos como Aracne 3 de Helena de Carlos ou Love me tender de Ana Romaní.
Bernardino Graña é o responsábel do afectuoso limiar (único na primeira publicación, terceiro na reedición de 2004) que acompaña os versos de Crear o mar en Compostela. O poeta celebra a publicación do poemario e subliña certas constantes temáticas e formais.
Dúas liñas temáticas claramente diferenciadas dominan a obra: a metaliteratura e a natureza. A poeta reflexiona, ás veces con furia, sobre a creación literaria e o oficio de escritor. Subliña, sobre todo, a procura do contido universal e acaído, a imperiosa necesidade de encontrar a palabra axeitada e a dificultade intrínseca ao propio labor creador: “Quixera tamén eu escribir os poemas/ en que un mundo enteiro reflectido se achase”, “a palabra perfecta/ no lugar adecuado”, “teño mans de labrega e só sei certo/ levantar o legón sobre as palabras”, “Tantas veces que te intento meu verso inacabado/ tantas veces que procuro o teu certo camiño”, “Non chegaron os versos/ e non houbo poemas”. Deséxase o poema perfecto.
A voz poética transita tamén por vieiros naturais. Evoca, dende a emoción, espazos belos, esencialmente acuáticos: o mar (sobre todo), a praia, os ríos ou as rías. Á manifestación da paisaxe únese a reivindicación ecolóxica: “Quero un mar libre, ceibo de peiraos progresistas”. O amor, o paso do tempo, a soidade, o silencio ou a nostalxia son outros dos motivos temáticos da obra.
A utilización de símbolos e metáforas novas e complexas orixina certo hermetismo. O emprego da aliteración, sempre en consonancia coas ideas transmitidas, outorga unha especial musicalidade aos poemas. O hipérbato, a anáfora e o paralelismo son outros dos recursos retóricos dominantes na obra. Marta Dacosta xoga tamén coa disposición visual dos textos coa fin de reforzar a temática presentada.
Autenticidade, civismo, amor ao mar son as notas que se desprenden dos versos de Crear o mar en Compostela.