
Ensaio, Editorial Galaxia, 2000
ISBN: 84-8288-371-2
Sobre narrativa galega contemporánea compila diversos artigos e recensións da ensaísta, investigadora e crítica literaria Dolores Vilavedra. Ademais de numerosas publicacións en revistas literarias e da elaboración das edicións de diferentes obras, na súa labor investigadora figuran títulos significativos como Manual e escolma do relato galego. Unha ollada dende os nosos días (1995) ou Historia da Literatura Galega (!999). Asemade, coordinou o Diccionario da Literatura Galega.
A obra está estruturada en dous grandes bloques: “Ensaios” e “Dez referencias para unha década”. O primeiro apartado, “Ensaios”, recolle oito textos publicados entre o ano 1993 e o 2000 en diversas revistas (Eidos do libro, Grial, Tempos Novos e Anuario de Estudos Literarios Galegos), obras colectivas (Cinguidos por unha arela común e Semiótica y modernidad. Actas del V Congreso Internacional de la Asociación Española de Semiótica) ou lidos en Congresos ou Xornadas literarias diversas. Nunha liña que vai do xeral ao particular, os seis primeiros textos escolmados abordan á difícil e ardua cuestión da identidade da literatura galega, revisan os trazos da narrativa galega máis recente ou afondan no estudo de certas particularidades de obras concretas (o posmodernismo na obra de Suso de Toro, a polifonía n’A esmorga, etc.). Merece especial atención o artigo dedicado ao repaso da configuración das instancias emisoras dalgunhas das obras narrativas galegas comprendidas entre a publicación de Maxina ou a filla espúrea e Polaroid, discorrendo, deste xeito, por títulos senlleiros como A esmorga, O porco de pé ou Retorno a Tagen Ata. Nos dous últimos textos, Dolores Vilavedra reflexiona sobre o labor da crítica literaria e dos críticos facendo especial fincapé na súa propia experiencia.
O segundo apartado, “Dez referencias para unha década. De Contos eróticos elas/eles a Os xenerais de África”, contén un total de dez recensións publicadas en diversas revistas (Colóquio-Letras, Dorna, Grial, Guía dos libros novos e Tempos Novos) durante a década dos noventa. A diversidade da escolma, que vai dende A cidade dos césares de Víctor F. Freixanes até Fridom Spik de Santiago Jaureguizar ou d’O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas a Eu é de Xurxo Borrazás, pasando por Non hai misericordia de Xelís de Toro, Un xogo de apócrifos de Xosé Carlos Caneiro, Mércores de cinza de Miguel Anxo Murado ou A quinta de Saler de Antón Riveiro Coello, mostra os camiños varios polos que transitou a narrativa galega durante os anos noventa. Destaca non só os diferentes contidos temáticos (o erotismo, a violencia, a guerra civil, a posguerra), senón e, sobre todo, as diversas correntes, perspectivas e estilos de achegarse á materia narrada. Novelas e libros de relatos variados son, pois, abordados dende a atenta mirada de Vilavedra neste segundo é último bloque da obra.
Nesta acertada compilación, Dolores Vilavedra ofrece unha panorámica variada e ampla, que constitúe unha obra de referencia para o estudo da narrativa galega contemporánea.