Libros

Era por setembro

Outros libros

Autores relacionados:


Era por setembro

Xabier Quiroga, escritor
5/5 (1 votos)

Narrativa, Edicións Xerais de Galicia, 2004

ISBN: 84-9782-232-3

Xabier Quiroga irrompeu no panorama literario galego con Atuado na braña, novela coa que resultou finalista do premio Xerais 2001, tras ela publica Era por setembro e Se buscabas un deus (2006) conformándose así como unha das voces máis fecundas e singulares da narrativa galega de principios de século.

Era por setembro, título e primeiras verbas da novela, narra en primeira persoa a viaxe física e emocional de Aldara, a protagonista, aos espazos da nenez e da primeira adolescencia. Despois de recibir un telegrama que lle anuncia a morte da súa nai, Aldara, unha muller que ocupa un cargo político nun recente goberno de esquerdas, emprende unha viaxe en tren á súa vila natal, recorrido que fará agromar nela os acontecementos que sucederon alí hai trinta anos e que implicaron o seu afastamento do contorno familiar. As lembranzas que xorden nesa viaxe ao pasado reconstruídas con minuciosidade dende a mirada e a voz da Aldara nena constitúen o fío narrativo principal da novela. As peripecias que lle ocorren a Aldara adulta no seu traxecto ferroviario e que non van máis alá das atencións, ás veces molestas, prestadas a unha persoa da súa posición social e política, vanse intercalando entre as vivencias pasadas que ocupan a maior parte da obra. O reencontro familiar pon o convincente final á novela. Así, aínda que o inicio da historia e o remate se sitúan na actualidade, o miolo está nos feitos acaecidos nos últimos anos da ditadura.

As lembranzas de Aldara retornan a 1974, cando o franquismo expulsaba a súas últimas pero non menos prexudiciais bafaradas. O seu primeiro recordo é para un enterro ao que acude acompañando á súa nai e no que coñece a don Manuel. Este personaxe, que nun inicio se presenta como un misterio para a protagonista e para os lectores, foi o primeiro amor da súa nai e con el a nena estabelece unha relación moi especial, pese a oposición do seu pai. Escritor e galeguista represaliado, don Manuel regresa á súa vila tras anos exiliado e volve ter que enfrontarse aos poderes do réxime, que, pese a visíbel decadencia, seguían atentos á disidencia. Fronte ao seu pai, un home bruto, bebedor e colaborador dos falanxistas, don Manuel representa a sabedoría, a tolerancia e a loita polos trazos identitarios dunha comunidade negada. Este contraste aviva en Aldara a conciencia dun mundo asoballado, ignorante e patriarcal (a discriminación da muller é acentuada na novela a través, especialmente, da figura materna) que a empeza a abafar e, por outro lado, esperta nela novos ideais, que non renunciará a acadar. Aldara remexe espelidamente na memoria familiar e social para construír a súa identidade.

Ambientada nunha vila, Era por setembro é unha novela de espazos esencialmente interiores, que poden actuar como lugares de opresión (a casa familiar ou a escola) ou de liberación (a casa de don Manuel).

Cun armazón estrutural asentado en capítulos breves, unha linguaxe eficaz e un ritmo narrativo fluído, Quiroga amosa a través dos ollos e as palabras de Aldara a paisaxe social e política do anos finais do franquismo. A miúdo afloran os sentimentos; porén a habelencia narrativa do autor evita o melodrama e constrúe unha sedutora novela.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |