Libros

Códice calixtino

Outros libros

Autores relacionados:

Lecturas temáticas:


Códice Calixtino

Luz Pozo Garza, escritor
2,33/5 (3 votos)

Poesía, Edicións Xerais de Galicia, 1986

ISBN: 84-7507-599-1

Sotelo Blanco, 1986; Xerais, 1991

Códice Calixtino publicouse por vez primeira en 1986 na colección Leliadoura da editorial Sotelo Blanco. Para a edición de 1991 de Edicións Xerais de Galicia, Luz Pozo Garza engadiu tres poemas (“Escuro designio”, “A Paúl Éluard” e “Consagración de Trasalba”) e un epílogo.

A obra Códice Calixtino de Luz Pozo Garza refire directamente á compilación de textos latinos do século XII que, baixo o mesmo título, se garda na catedral de Compostela. Este códice de temática xacobea é considerado unha guía para os peregrinos. Quizais a poeta pense tamén para a súa obra unha función similar: un guieiro amoroso, un guieiro existencial. A crítica encadra a obra de Luz Pozo na denominada promoción de enlace, etiqueta difusa que engloba aqueles autores que comezaron a súa produción poética nas décadas dos cincuenta e sesenta.

Envolven Códice Calixtino un prólogo e un epílogo da man da autora, nos que reflexiona sobre a creación literaria e ofrece pautas para a lectura e a interpretación do poemario.

Os poemas de Códice Calixtino xiran esencialmente en torno ao binomio eros e tánatos. Arredor, o ininterrompido paso do tempo. A obra estrutúrase en catro partes: “Limiar”, “Códice Calixtino”, “Idea dunha cidade escura” e “Homenaxe”. O “Limiar” constituído por un poema en prosa ofrece plenamente imbricados dous temas claramente diferenciados: o amor e a metapoesía.


A primeira sección, “Códice Calixtino” amosa unha temática esencialmente amorosa, percibida, en determinadas ocasións, como unha experiencia mística ou transcendental. A carón do amor, a morte, que prevalece en determinados poemas. Destaca a evocación da cidade de Compostela, lugar obrigado de encontro e tránsito, meta de peregrinacións espirituais e amorosas.


Os poemas que conforman “Idea dunha cidade escura” transmiten unha visión apenada do devir temporal e da inevitabilidade da morte. Contra isto a necesidade de agarrar a vida, o amor, a evocación do pasado e a busca da memoria: “Volver a aquela primavera que fuxía das mans”. O último texto, “Poemas de Gernika”, desta segunda sección mestura a temática existencialista coa social. A poeta opón o discorrer natural dunha cidade e o innominábel asasinato bélico, amosado a través do cadro de Picasso.


En “Homenaxe” compílanse varios poemas dedicados a seis escritores e un estudoso da literatura: Luís Pimentel, Luís Seoane, Aquilino Iglesia Alvariño, Paúl Éluard, Ánxel Fole, Ramón Otero Pedrayo e Basilio Losada. Estes poemas mostran certa continuidade con algúns textos de “Idea dunha cidade escura” destinados a Arthur Rimbaud ou Rosalía de Castro, se ben aquí prima a homenaxe. Un nidio ton elexíaco impregna os poemas de “Homenaxe” outorgando maior énfase ao motivo da morte e do paso do tempo. Pero, ademais, a poeta xoga coas constantes temáticas dos autores homenaxeados. Deste xeito, os poemas dedicados a Pimentel ou Iglesia Alvariño amosan motivos de xorne existencial (“da textura da frol rosada das silveiras/ da imprecisa distancia que vía da vida á morte”) e os destinados a Seoane, Fole escoran cara unha temática social (“Véxote no recanto dunha terra solemne-/mente esquiva e arredada”).


A intertextualidade e o dialoxismo son trazos claros da obra. Luz Pozo cita obras literarias admiradas e nomea poetas queridos, incrementando a significación dos versos de Códice Calixtino. Entre os recursos retóricos máis sobresaíntes figuran a metáfora, o símbolo e o paralelismo. A poeta escolle o verso libre e busca a beleza da construción poemática.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |