
Ensaio, Editorial Galaxia, 2004
ISBN: 84-8288-655-X
A Historia de Galicia publicada por Ramón Villares en 2004 é o compendio histórico máis difundido de todos os que teñen abordado o pasado galego, e tanto na súa edición orixinal dos anos oitenta como na súa revisión do século XXI, acadou importantísimos éxitos de vendas.
A Historia de Galicia que o presidente do Consello da Cultura Galega e académico Ramón Villares escribiu e publicou en 2004 aproveita unha parte fundamental dos contidos d'A historia, un pequeno volume editado en 1984 na colección Biblioteca Básica da Cultura Galega, e que se convertera nun referente bibliográfico fundamental. Isto foi así non tanto polo avanzado dos seus estudos, o completo dos seus datos ou a súa perspectiva historiográfica, como por xuntar nun pequeno libro algo que, ata daquela, non fora abordado cunha perspectiva totalizadora nun formato manexable.
Porén, o segundo intento de Ramón Villares de achegarse dunha forma xeral ao percorrido histórico de Galicia e do seu territorio, achegou moitas novidades. Como o propio autor recoñecía no prólogo, os saberes parciais e os estudos puntuais sobre a historia galega avanzaran moito neses vinte anos. Iso é particularmente notable nos contidos que se refiren á época dos Austrias, ao reino suevo e, sobre todo, á Galicia posterior á Guerra Civil, que quedara sen tratar no volume de 1984. Pero ademais, separando os nove capítulos que teñen como referencia distintas épocas históricas, inclúense breve semblanzas das sete cidades máis Mondoñedo, colocadas na época onde eses núcleos habitados tiveron unha maior importancia no panorama socioeconómico e cultural galego, dende o Lugo romano ao Ourense prerrepublicano, pasando pola Pontevedra baixomedieval ou a Coruña do liberalismo.
O período estudado comprende dende a prehistoria ata a transición política, se ben tamén inclúe unha rápida referencia aos feitos da época autonómica. Como ben se sinala na introdución, esta historia "integra toda a fartura de feitos producidos polas comunidades humanas que moraron no territorio coñecido, con diferentes lindeiros, como Gallaecia ou Galicia". E aclara, marcando tamén as diferencias con outras achegas historiográficas anteriores ou contemporáneas, que non é a "historia dun Estado-nación en potencia, senón dunha Nación-cultura en plena actividade". Nesta explicación do que foi e é Galicia, o libro recolle unha visión "menos dependente dunha posición teórica na que a dinámica interna primaba sobre a comparación coa evolución exterior da historia española e mesmo europea"
O seu enfoque historiográfico é o da interpretación cultural e socioeconómica dos pobos, onde o peso do dato concreto se dilúe nun sistema de tendencias e estruturas, como tamén define o propio Villares na introdución. En consecuencia, a perspectiva do volume non é a da promiscuidade de datos. A súa redacción non achega grandes volumes de cifras nin notas bibliográficas, e a propia edición vén unicamenta acompañada dun par de táboas e media ducia de mapas de xacementos e localizacións históricas e industriais. Ademais, o estilo da Historia de Galicia afástase tamén do volume científico e intégrase plenamente no ensaio, cunha prosa sólida e moi coidada, escrita para o pracer da literatura.