Libros


Fume

5/5 (1 votos)

Ilustración, OQO Editora, 2008

ISBN: 978-84-9871-058-8

“Soño cun dragón verde de lingua negra que me quere papar. As casas tamén son verdes, como a herba do noso xardín con bambán, onde antes xogabamos ao balón papá e eu. Bótoo moito de menos. Mamá dime que pronto nos imos reunir”.

Tanto como os campos de concentración -co que implican de fame, frío, enfermidade, violencia e morte-, interesa aquí un deses mundos persoais e familiares que o nazismo destruíu, e que é do pouco que ten cor fronte ao gris ferinte e o silencio.

Separación, soidade e saudade están omnipresentes; a lembranza axuda a fuxir do illamento e o desarraigo, e dá paso -no inhóspito do campo (lager)- ao amor, a amizade e a solidariedade: á humanidade, a fin de contas.

Se toda violencia está inxustificada, a que remata coa inocencia aínda máis; contra dela, no proceso de maduración do protagonista, asistimos a un compromiso ata a fusión con Vadío (único personaxe con nome e etnia), que representa o recoñecemento no outro na catarse final.

O protagonista anónimo de Fume descobre a realidade, pero críbaa coa memoria dun pasado mellor. O espertar magóao e lévao a unha aprendizaxe rápida: a dureza e dificultade da situación, e o instinto de supervivencia obrígano a ser un neno responsábel.

A inocencia, máis que a impotencia, marca o desenlace. Os inocentes non sobreviven, dicía Primo Levi; é o prezo por ver a luz: a man de Vadío borrando para sempre o medo e escribindo con fume unha palabra máxica sobre o ceo de Polonia.

Unha conmovedora historia de Antón Fortes cunhas intensas imaxes da polaca Joanna Concejo, de gran sensibilidade e fermosura, pese a reflectir a realidade do protagonista, que se fai máis dura ao enfrontala recorrentemente con lembranzas da vida de onde foi e foron todos arrincados.

[presentación editorial]




Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |