
Poesía, Editorial Galaxia, 1959
ISBN: 978-84-7154-393-6
Esta obra-escolma de corenta e dous poemas, inéditos ou publicados en revistas, foi encargada por Galaxia a Celestino Fernández de la Vega e publicada o ano seguinte da morte do autor. Os textos, como acontece en xeral coa obra de Pimentel, presentan abondas complicacións, comezando pola discusión sobre en que lingua foron escritos os textos, ao existir de varios deles versión anterior en castelán.
A cidade de Lugo, onde sempre viviu Pimentel, está ligada inseparabelmente á súa obra e en comuñón con ela. A súa poética ten así mesmo como motivos fundamentais o silencio, a morte ou a reflexión metapoética. A súa obra ligouse coa do poeta simbolista francés Jules Laforgue, con quen comparte o “mal da provincia”, o reflexo dunha vida monótona e gris, captada con aire decadentista.
De feito o máis característico da poética do autor de Sombra do aire na herba é a utilización dos símbolos, a variedade e abundancia das imaxes. Paxaros, espellos, teas, lámpadas, cabalos, bandeiras ou xardíns son algúns dos máis relevante e afondan nunha visión intimista, de procura existencial e de transcendencia por medio de motivos sinxelos, ao modo do impresionismo pictórico.
O intimismo da poesía de Pimentel percíbese tamén na descrición de interiores de pazos señoriais, decadentes e suntuosos. De visión esteticista, máis simbolista ca romántica, procura a captación da realidade agochada nos obxectos, a delicada “sombra do aire na herba”, creadora doutros mundos.
Na súa poética, explicitada en “A poesía é o grande milagre do mundo”, a creación é entendida como unha arte de orde superior, como revelación, e o poema deber ser por tanto esencial e de factura sinxela.
A súa visión existencial ten como esteos a perda, a morte e a fraxilidade, e aquí podemos situar tanto os poemas en que aparecen cativos, entre os que salienta o “Enterro do neno probe”, que son vistos somo seres alleos á maldade e particularmente desvalidos (cun contrapunto en “Xogo ruín”) como aqueles en que se tematiza a figura de Rosalía, unha serie de cinco poemas en que a escritora é vista como símbolo da dor e da solidariedade co sufrimento.
E con Rosalía identifícase tamén o país e a defensa deste desde unha posición de vangarda e anticostumista, en poemas como “Consello” ou “Galicia muda”, no que lemos “Eu arelo unha Galicia muda. / Todos estamos berrando. / Queimemos os nosos farrapos / en Compostela”, entendido o silencio como esencia e plenitude.
É Pimentel tamén un sobrevivente da guerra civil e nesta obra aparece un dos documentos máis citados sobre a barbarie fascista, o poema “Cunetas”, convertidas as súas “bandeiras batidas e esfarrapadas” en emblema da represión e dos asasinados que foron dar ás gabias no 36. Solidariedade, dor, novamente referencias á poética de Rosalía e análise da condición humana.
A técnica poética de Pimentel provén do simbolismo e da vangarda histórica: así, coma en Manuel Antonio, no uso de signos gráficos. Mais hai tamén, motivadas polo interese do autor en incorporar a modernidade, pegadas futuristas debedoras por veces do cinema ou da música.