Libros

De catro a catro

Outros libros

Autores relacionados:

Lecturas temáticas:


De catro a catro

Manuel Antonio, escritor
3,67/5 (3 votos)

Poesía, Nós, 1928

ISBN: 84-8288-203-1. 84

Galaxia 1998, Sotelo Blanco 1992 [Poesía galega completa]

O poemario máis emblemático da vangarda histórica galega foi escrito por Manuel Antonio nas súas dúas primeiras travesías mariñas, entre 1926 e 1927. Algúns poemas foron aparecendo na prensa, n'A Nosa Terra ou en Galicia baixo o que logo será o subtítulo do libro “Follas sin data dun diario d'abordo”.

Comezado como diario poético con fío cronolóxico, converteuse en poemario no momento en que Manuel Antonio e Dieste reordenaron o material. Da editora compostelá Nós saíu, en 1928 a primeira edición, anunciada na prensa como poemario vangardista. Malia que o libro non tivo unha recepción que posibilitase a emerxencia dun movemento de vangarda, si foi simbolicamente desde o comezo un libro capital para a poesía galega e un dos primeiros que se reeditaron no exilio (con tradución de Dieste e debuxos de Colmeiro, na colección arxentina “Dorna”).

De catro a catro parte dunha experiencia persoal, a vivencia do poeta aséntase na realidade, pero isto vaise transformar nunha poesía non mimética. Refúgase o ton confesional aínda que o eu, por veces encuberto nun nós, está presente e non é quen de eludir unha certa implicación emotiva.

É por isto a poesía de Manuel Antonio marcadamente persoal, ao non compartir nin a deshumanización das vangardas nin o mecanicismo propio da escritura irreflexiva do surrealismo, dado que as súas imaxes, aínda que baseadas en analoxías estrañas, posúen un filtro racional.

É este un poemario marcado pola novidade que achegan as pegadas do creacionismo: o mar de Manuel Antonio non é unha representación da paisaxe ocasional e si unha auténtica creación da súa realidade transcendente.

Comeza con “Intencións”, coa ilusión de quen vai iniciar unha singradura e nos dezaoito poemas que veñen a seguir maniféstase unha vivencia intensa do mar e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que ten arredor. Os poemas “Recalada” e “Navy Bar” sinalan a metade da navegación, unha escala nun porto arredado. A viaxe remata coa volta a terra e un poema a modo de despedida saudosa “Adeus”.

De catro a catro posibilita diversas interpretacións simbólicas entre as cales salientan aquelas que ven nel a representación dunha singradura circular do eu poético ou as que o entenden como reconstrución dun proceso de coñecemento cósmico e existencial. Para isto Manuel Antonio tece unha rede cos principais símbolos: o barco, a terra, o mar, a noite e o vento.

Aínda que o autor se resistiu a ser catalogado como pertencente a un ismo concreto, acostúmase a inserir De catro a catro dentro do creacionismo pola particular relación entre o autor e o texto, pola vontade de obxectivización da realidade por medios de mecanismos de distanciamento, enfrontada ao intimismo que fora característico das poéticas anteriores. Tamén pola afastamento que os símbolos crean en relación cos referentes inmediatos, así como pola ampliación da linguaxe poética que supón a inclusión de tecnicismo e estranxeirismos.

Foi De catro a catro un libro cunha repercusión mínima na poesía posterior e será xa a finais dos anos 70 co grupo Rompente cando se reivindique a obra de Manuel Antonio como a máis radical vangarda coa que contara o campo poético.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |