Libros

A fiestra valdeira

Outros libros

Autores relacionados:


A fiestra valdeira

Rafael Dieste, escritor
2,5/5 (6 votos)

Teatro, Nós, 1927

ISBN: 84-7492-035-3

0

A fiestra valdeira, peza teatral indiscutíbel da creación dramática, deuna a coñecer Rafael Dieste en 1927, nunha lectura pública que foi o seu discurso de entrada no Seminario de Estudos Galegos, ano en que aparece a primeira edición, que non será definitiva até a que Luís Seoane prepara en 1958, cunha revisión do autor.

Dieste conta que a peza naceu a raíz dunha conversa que tivo co pintor Medal, desgustado por ter que modificar o fondo dun retrato por pedimento do cliente, e foi escrita nun período de tempo breve, tendo como referentes mariñeiros de Rianxo e intelectuais do contorno galeguista en que se movía.

Cun subtítulo que di "Comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro cun respiro" ten os tres lances que responden á tradicional estrutura de presentación, nó e desenlace, e desenvolve un conflito arredor dun cadro en que o personaxe representado, o indiano don Miguel, aparece de costas a unha fiestra pola que se ven motivos mariñeiros que fan referencia ao seu pasado. A familia, avergonzada da orixe popular, pretende pór no lugar dese fondo un xardín fidalgo, algo ao que o pintor se opón e que crea tensión entre os compañeiros de mareas e veciños da vila. Botando man do simbolismo, reflexiónase sobre a identidade do individuo, a asunción da historia persoal e as tensión inherentes ao cambio social.

Don Miguel, como individuo, non pode entenderse sen o conxunto da súa vida, pasado e presente, non é quen de renunciar a unha parte dela, a súa comunidade e clase social de orixe. Daquela a peza resultaría unha reflexión crítica sobre os problemas que causan nos individuos o desexo de diferenciación social, mais tamén podemos ver como a pretensión de mudar o cadro é presentada como unha traizón a arte, na medida en que Dieste considera que esta debera aspirar a captar a verdade esencial das cousas. Algunhas achegas críticas á obra propoñen unha lectura do conflito presentado n'A fiestra valdeira como alegoría da problemática identidade de Galiza como pobo diferenciado.

É esta peza unha comedia en que a palabra é máis importante cá acción, unha aposta por un teatro de ideas, xa que acción principal e secundarias están baseadas no proceso de diálogo entre os personaxes, construídos con minguados trazos escénicos e xestuais, cunha técnica na que se prima a definición.

Son doce os personaxes que aparecen na obra, e a súa caracterización contribúe de maneira significativa á lectura da obra como versión estilizada dun motivo popular: refúganse os trazos costumistas e tópicas e trátase de construír para cada mariñeiro unha personalidade non intercambiábel.

Malia unha recepción excepcional, esta peza de Dieste non foi representada até oito anos despois da súa publicación, na vila de Rianxo, por iniciativa dun grupo de mozos e mozas dirixidos polo autor.

A fiestra valdeira, na súa aposta por un teatro poético e simbólico, na súa fusión de ética e estética, supuxo a apertura para o teatro de camiños novos.

Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |