Libros


Aires da miña terra

Manuel Curros Enríquez, escritor
4,25/5 (8 votos)

Ensaio, Tipografía A. Otero, 1880

ISBN: 978-84-7154-844-3

[Poesía galega completa] Galaxia, 1992; Xerais, 1990

A edición definitiva de Aires da miña terra, do ano 1886, está composta por trinta e seis poemas, dezaseis máis cá primeira de 1880. Sinálanse como liñas xerais estruturadoras da obra a poesía social, a costumista, a narrativa e a intimista. É este o libro máis recoñecido dunha da tes voces senlleiras do Rexurdimento, e nel a protesta social e a sátira danlle saída a unha concepción da poesía como arma cívica.

Aires tivo unha historia editorial complexa, marcada pola excomuñón e por un proceso xudicial. O libro iníciase cunha introdución en romance de hendecasílabos na que Curros explica as razóns polas que escolle a lingua, entre elas a dignificación que supón para ela o feito de ser empregada para fins afastados do folclorismo e enfocados cara ao progreso e cara á interacción co presente.

O autor de Celanova dirixe o seu verso cara ao presente para denunciar a opresión e a inxustiza a que se ve sometida a poboación da Galiza do século XIX por parte do poder político. Esta cuestión faise explícita nun dos textos de Aires, entendido como autopoética: o titulado “Crebar as liras”, que contén unha exhortación aos poetas para que temperon o seu canto “en ódeo, en ira, / hastra que dela saian / as esplosiós das minas; / hastra que cada nota / como onha espada fira, / como on andacio barra / as vellas teogonías”.

Curros, racionalista convencido, considera o avance tecnolóxico e a cultura como o camiño para a emancipación e dirixe a súa carraxe cara á tiranía, o caciquismo e a igrexa, a quen considera responsábeis da ignorancia e do atraso do pobo. No poema titulado “Os mozos” realiza unha contundente denuncia da situación do rural e incita á mocidade á loita contra os “lobos da terra” e os “lobos dos ceos”.

Foi o anticlericalismo o aspecto que provocou maior escándalo na ápoca, malia non supor un rexeitamento persoal da relixión e si unha denuncia do papel opresor da igrexa católica como xeradora de miseria e escurantismo. Foron os poemas “A igrexa fría” e “Mirando ó chau” , dirixidos contra o poder e a ostentación da insititución eclesiástica, os detonantes dun proceso que só levaría a Curros a facer aínda máis explícitas as diatribas contra a súa hipocrisía.

A liña costumista está representada en Aires polos tres poemas premiados nun certame en Ourense: “A Virxe do Cristal”, longo poema narrativo de corte amoroso que desenvolve unha tradición de Vilanova dos Infantes; “O gueiteiro de Penalta”, retrato que devén metáfora do país e “Unha voda en Einibó”, cadro de costumes.

A vontade comunicativa é prioritaria en Curros e isto condidiona as escollas métricas da tradición romántica, cuetión que son seguridade contribuíu á súa difusión e conservación na memoria comunal.

Aires da miña terra pode lerse como síntese entre o ideario progresista do autor e o seu progresivo achegamento ao rexionalismo, na procura dunha coherencia co compromiso cívico dun autor que ha de xerar nós ineludíbeis para a poesía civil posterior, de Celso Emilio a Heriberto Bens.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |