Libros

Da terra asoballada

Outros libros

Autores relacionados:


Da terra asoballada

Ramón Cabanillas, escritor
0/5 (0 votos)

Poesía, Edicións Xerais de Galicia, 1915

ISBN: 84-7507-794-3; 84

Xerais 1994; AS-PG 1996; La Voz de Galicia 2001

De historia editorial complexa, da cal dá conta detallada Xosé Ramón Pena na edición que preparou para Xerais tirada en 1994 forma con No desterro (1913) e Vento mareiro (1915) un conxunto en que é difícil estabelecer a adscrición dos poemas dadas as abondas interferencias. Hoxe os estudosos da obra de Cabanillas sinalan son frecuencia o dominio da liña civil nos quince poemas que compoñen a primeira edición e o maior peso do ton lírico e intimista no segundo en que se recuperan unicamente catro do anterior e se engaden dezaoito composicións novas. E apuntan así mesmo a que os motivos hai que procuralos na evolución do pensamento estético e político do autor e o seu camiñar desde as reivindicacións agraristas de Acción Gallega cara ao proxecto das Irmandades da Fala, e a conformación do incipiente nacionalismo. Así, será fundamentalmente na edición de 1926 da obra e nos poemas engadidos en relación coa precedente onde se vai facendo máis explícita e máis asumida a súa función como poeta social e voz que aglutina o ideario de agrarismo e nacionalismo.

Carvalho Calero coincidiron ao afirmar que o Cabanillas que xa fora cualificado polo líder agrarista Basilio Álvarez no prólogo do seu primeiro libro como o gran poeta que perdeu Galiza coa morte de Curros Enríquez comparte co de Celanova veta civil mais non o progresismo que foi característico do autor de Aires da miña terra.

Son composición desta obra, nalgunha das súas edición, os que contribuíron significativamente ao seu recoñecemento a nivel popular e ao seu enxalzamento como “poeta da Raza”. Así poemas que dan conta da efervescencia das loitas agrarias como “Lume no pazo”, o himno “Acción Gallega” ou as reivindicacións da situación dos labregos que figuran en “Camiño adiante” ou “A Basilio Álvarez”.

Nunha dimensión que será a potenciada pola súa evolución posterior, Da terra asoballada contén así mesmo poemas máis contidos no ton, de dimensión didáctica, que tratan de afortalar un universo simbólico nacente que, en consonancia co ideario das Irmandades, contribúa ao proceso galeguizador e de toma de conciencia. Así a serie de poemas dedicados a Curros, Rosalía, Pondal, Murguía ou Brañas.

Querendo exaltar a conciencia da terra, compón os poemas que o converteron na voz máis importante da denominada Xeración de entre dous séculos, depositarios de motivos que durante tempo fixeron parte do que se entendía como esencia do ser galego: a supremacía da aldea fronte á vila ou a cidade, a consideración do país como eminentemente campesiño. Na redención do campesiñado do xugo ao que se ve sometido e na recuperación da conciencia identitaria sitúa Cabanillas as coordenadas do seu discurso cívico. Isto é particularmente evidente en composcións como “Meu carriño” ou “En pé”, dedicada esta a Lois Porteiro, compañeiro das Irmandades, e explícita chamada á loita emancipadora.

Referencias bíblicas que serán máis constantes na súa produción posterior, coñecemento da poesía portuguesa e referentes da poesía europea do momento, nomeadamente idealismo e simbolismo, así como algúns trazos estéticos do modernismo acaban de configurar o universo dun autor que escribirá unha obra delongada e será coetáneo da Xeración Nós.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |