Ilustración, Kalandraka, 2008
ISBN: 978-84-8464-677-8
O Señor Pato, como todos os días, vai ao traballo. O Señor Coello, como todos os días, tamén vai ao traballo. Sempre se cruzan...
Cerca é unha fábula sobre a incomunicación, unha reflexión poética e profunda sobre as relacións interpersonais e o individualismo, sobre os desexos e as emocións. Dende o punto de vista literario destaca pola súa sinxeleza narrativa e a engrenaxe interna do relato, que plasma o paralelismo entre as accións dos protagonistas: un pato e un coello que viven pechados na súa soidade; nese sentido, a obra invita o lector a non darlles as costas aos demais, “privándose da posibilidade de compartir os momentos máis simples e felices da vida”, como explica a propia autora.
A nivel estético, Natalia Colombo mestura diversas técnicas, dende a pintura con acrílicos ata o collage, ademais de deseñar unha tipografía propia. Tamén coida o tratamento da luz e utiliza recursos visuais que lle permiten xogar cos conceptos de movemento e simetría, sen esquecer a combinación de cores, texturas e materiais, que lle imprimen estilo e carácter persoal á obra no seu conxunto.
[fonte: presentación editorial]