Libros

Herba aquí ou acolá

Outros libros

Autores relacionados:


Herba aquí ou acolá

Álvaro Cunqueiro Mora, escritor
1,5/5 (2 votos)

Poesía, Editorial Galaxia, 1991

ISBN: 978-84-7154-759-0

Galaxia, 1980 [Obra galega completa. Volume I]; Visor, 1988

Herba aquí ou acolá compila a produción poética de Álvaro Cunqueiro a partir do ano 1950 en que publicara o anterior volume, Dona do corpo delgado. A edición de Galaxia con que contamos hoxe, preparada por Henrique Costas en 1991, é o resultado da recolleita en diferentes publicacións periódicas de abondas composicións que, pola súa relación co primixenio Herba aquí e acolá (1980), tamén escolma en que estaban as mans de Miguel González Garcés e Fernández del Riego, publicada en vida do autor, se xuntan para dar lugar a unha obra que ofrece unha visión máis completa, ao triplicar o número de composicións da precedente. Entre estas dúas estivo a primeira publicación como obra exenta, do ano 1988, nunha edición bilingüe castelán-galego preparada por César Antonio Molina para a editorial Visor.

Herba aquí ou acolá, o título en que imos centrarnos, é entendido polos estudosos que se achegaron a el máis como unha antoloxía que como un traballo de recuperación dun volume.

O poemario está organizado en dous bloques, “Os cantos e as historias” e “Vellas sombras e novos cantos”, o primeiro con cinco ciclos temáticos, clásico, britónico, da Comedia, semítico e das viaxes, este último de cuestionada inclusión no volume por non atoparse representado en Herba aquí e acolá.

Con liñas vangardistas, do neotrobadorismo, do monólogo dramático ou coa inclusión do poema escénico queda ao descuberto a falta de unidade compositiva, malia que sabemos que o autor suxeriu correccións e incluso supresións. Aínda así o volume posibilita unha lectura unitaria porque os textos o van confirmando. “As historias” e “Vellas sombras e novos cantos” funcionan como eixos estruturais e interpretativos nun poemario que integra os campos lírico e narrativo de maneira que as composicións se achegan ao relato breve, tamén pola aparición de personaxes literarios ou míticos da tradición centroeuropea, do mundo árabe ou hebreo, dos mitos e das historias da galego-portuguesa ou das sagas nórdicas.

Na sección titulada “As homenaxes” Cunqueiro celebra os seus autores máis admirados, en canto “As vellas sombras” mesturan testemuño literario e ton elexíaco, en composicións en que melancolía e reflexión existencial son persistentes.

É Herba un poemario de fonda armazón intertextual no que o Cunqueiro lector establece un diálogo saudoso, lírico, épico ou por veces lúdico ou irónico con texto ou personaxes literarios históricos ou ficcionais. Así, estabelecendo unha cala nalgunhas das composicións que contan con máis recoñecemento atopamos 'Os oficios de Bran' con referencias ao Mabinogion galés e ás Memorias de Adriano de Marguerite Youcenar nun poema de alento épico que non elude a irónica sentimentalidade cando remata contándonos que era Bran un deus a quen “non lle gustaban os paxaros / nin as bolboretas dos recordos”. Así tamén os “Cantos de Hastings / Recoñecemento de Harold Godwinson” ou a serie de 'Eu son' a primeira con protagonistas históricos e alento narrativo, a segunda con personaxes fundamentalmente da mitoloxía clásica que, como estudou no seu día Ramiro Fonte, vense así desacralizados e amplían e actualizan o seu imaxinario.

Para as “Vellas sombras e novos cantos” a crítica sinalou a súa potencial síntese do conxunto da poética do mindoniense, dominada pola tensión entre realidade, ficción ou ensoñación, por esa insatisfacción diante dunha realidade que se pretende sublimar ou transcender. Así, os versos de 'Acolá están as illas' léronse como ineludíbel autopoética dun autor para quen “A alma anda nestes inventos porque non lle abonda / o que é como é do mundo”.

Herba aquí e acolá é xa que logo un volume decisivo para a renovación lírica da poesía galega da década de 1980, a canda Con pólvora e magnolias. E é xustamente o autor destoutro, Méndez Ferrín, quen xa neses anos valorou a primeira escolma como cumio da poesía do século XX.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |