Libros

A maior abondamento

Outros libros

Autores relacionados:


A maior abondamento

Luís Seoane, escritor
0/5 (0 votos)

Poesía, Cuco-Rei, 1972

ISBN: 84-7507-441-3

Publicado trece anos despois de As cicatrices, recolle este poemario constantes temáticas da obra de Luís Seoane, nomeadamente a emigración e unha visión de Galicia como conxunción entre o pasado e o presente.

Nunha poética en que predomina a dimensión descritiva, Seoane, iniciador da corrente socialrrealista e dunha poética con intencionalidade clara de intervención social, céntrase en episodios da historia de Galicia, en feitos do pasado e presente da colectividade. Trata, en palabras de Méndez Ferrín de “configurar a conciencia histórica e social dun pobo asoballado”.

Viu a luz este libro nun momento en que a hexemonía da poética socialrealista era menos nidia e en que Seoane realizou viaxes por Europa alternas coa súa estancia en Galicia e Bos Aires, o que lle dá un coñecemento do mundo da emigración galega.

Basilio Losada, editor da Obra completa de Seoane en 1977 fala de A maior abondamento como o poema da fuxida emigratoria que comezou a dirixirse cara ao continente europeo nos anos cincuenta, unha das escasas achegas a esta problemática. Comeza cun poema alegórico sobre o país, “Aquela vella e os corvos” en que se presenta o éxodo cara a Europa que é ao tempo patria común e lugar de deshumanización e soidade.

Seoane, fillo de emigrantes, emigrante el mesmo e exiliado, amosa en “Outro canto ós emigrantes” unha visión das asociación galegas na América do Sur que contrapesa dalgunha maneira o ataque de Celso Emilio no ano 1968 en Viaxe ao país dos ananos. Fálanos duns cantos galegos enriquecidos grazas á prostitución, mais na segunda parte, titulada “O honor de Galicia” aparecen galegos que traballaron pola independencia de América así como obreiros e comerciantes, vistos como loitadores anónimos.

Continúa o libro con dous poemas a modo de crónica xornalística nos que Seoane quere denunciar unha situación de persecución e crueldade no primeiro e de inxustiza social no segundo.

O tema da guerra civil, latente en poemas anteriores, é central en “Verdadeiro sucedido nun Nadal” arredor da nai dun fuxido obrigada a vivir lonxe da súa terra e reflexo da importancia do fenómeno dos maquis na posguerra.

“Basalo Gómez, emigrante, vive nun cano” recolle unha nova dun xornal e conta unha vida até un presente de soidade e abandono en Bos Aires. Significativamente, a obra péchase coa figura dun emigrante fracasado que retoma os nomes que andaron ao longo das súas páxinas.

É esta unha obra escrita desde unha posición que se quere obxectiva e garantida con probas documentais. Xa dende o título, con esa fórmula da linguaxe administrativa, anúnciase a escora xeral cara á creación en prosa e cara a unha épica con poucos matices de Luís Seoane, quen hoxe conta con meirande recoñecemento pola súa obra como artista plástico.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |