Libros

Tres cantigas de amigo

Outros libros

Autores relacionados:


Tres cantigas de amigo

Johan de Cangas, escritor
3/5 (1 votos)

Poesía, C. Ramón Piñeiro-Xunta de Galicia, 1996

ISBN: 84-453-1838-1

Non é necesario ser moi espilido ou espilida para localizar no Morrazo o trobador Xohán de Cangas, poeta medieval do que, ao igual cós demais, pouco ou case nada sabemos da súa biografía. Ademais, as tres únicas cantigas que conservamos fan referencia á igrexa de San Mamede, que ben podería referirse a un templo que con ese nome existe en Bueu. O estilo da composición, que debía ser cantada, pode facernos apuntar como data de creación o segundo cuarto do século XIII.

Os tres poemas que nos chegaron de Xohán de Cangas pertencen ao xénero das cantigas de amigo, o máis arcaizante da lírica medieval galega, e que debemos enmarcar na tradición tardolatina das cantigas de muller, das que hai exemplos ao longo dos territorios que no seu día pertenceron ao Imperio Romano. A principal característica é que a protagonista, que ademais é a persoa que se erixe en locutora do poema, é unha muller. No caso das tres cantigas de Xohán de Cangas, que seguen un non frecuente modelo secuencial, alternan as voces da moza e da súa nai, nunha forma dialogal. A presenza deste diálogo sinala unha influencia das cantigas do amor, e encaixa os poemas do do Morrazo no subgrupo de cantigas de amigo máis elaboradas e complexas.

No primeiro dos tres poemas lemos a conversa entre a moza e a súa nai. Nela a rapaza pídelle que a deixe ir á igrexa de San Mamede, onde o seu amigo agarda por ela. Nun razonamento que pode sorprender aos ollos actuais, a nai dille que si: o 'amigo' da moza namorara dela mesma tempo atrás, e non quere que a filla sufra de amor igual que sufrira el daquela. Na segunda das composicións a filla, que obtivo autorización da nai, cóntanos como foi a San Mamede para verse co mozo. Pero el non aparece, e ela fica triste por non poder falar con el "nas ribeiras do mar", elemento clásico da separación entre os amantes nas cantigas de amigo. Despois de facer a oración na ermida, láiase polo 'amigo', que namorou dela aínda que "nunca lle fixen ben". O terceiro dos poemas insiste na separación e no lamento, e a namorada fai como quen fala co seu 'amigo', pídelle que non lle minta e que vaia ao seu encontro na ermida, onde poderán verse, conversar e "ter lecer" xuntos. A igrexa, que aparece explicitamente nas tres cantigas, é o elemento que nos permite ler as composicións de xeito secuencial.

Todas as tres estrofas teñen esquema métrico diferente, o que é boa proba da calidade artística de Xohán de Cangas, que domina tanto as formas paralelísticas máis tradicionais, como as máis elaboradas: hai cantigas cun verso de refrán e con dous, con dous tipos de rimas entre as estrofas, con versos de lonxitudes moi distintas (heptasílabos, octosílabos, eneasílabos, decasílabos e hendecasílabos), e cun bo repertorio de demais recursos rítmicos. Unha das modalidades máis frecuentes nas cantigas de amigo de autores galegos é esta modalidade dos poemas de romaría, onde as festas nas ermidas, ou cando menos os santuarios, son lugares para o encontro dos amantes.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |