
Narrativa, OQO Editora, 2008
ISBN: 978-84-9871-050-2
O porquiño máis novo non tiña moitas ganas de traballar e fixo, para resgardarse, unha casa de palla. O mediano traballou máis e fíxoa de madeira e o máis vello traballo moito para construír unha casa de ladrillo. E cando chegou o lobo e soprou e soprou...
Os tres porquiños é unha das narracións tradicionais máis coñecidas e de maior aceptación entre os máis pequenos. Bruno Bettelheim, na súa Psicanálise dos contos de fadas, destaca a simboloxía que posúen os personaxes, as accións que realizan e o desenlace como metáforas do proceso de crecemento e desenvolvemento da personalidade. O neno, segundo Bettelheim, identificándose con cada un dos tres personaxes, aprende, sen ter conciencia diso, que as persoas evolucionan e que medrar ten grandes vantaxes. Así, é o porquiño máis vello quen finalmente vence ao inimigo, combinando o esforzo do traballo, a intelixencia e a planificación racional.
Os tres animais simbolizan a evolución e o progreso do ser humano, desde un estado de inmadurez, ata a condición de quen sabe enfrontar os conflitos de forma intelixente, permitindo ao neno que saque as súas propias conclusións.
Manténdose fiel a tan coñecida historia tradicional, este álbum brinda unhas imaxes sinxelas e divertidas que xeran un discurso visual susceptible de ser percibido con gran facilidade. Helga Bansch, unha vez máis, dá clara mostra da súa empatía co lector infantil, xogando coa expresividade dos personaxes e cos pequenos detalles que enriquecen cada ilustración, e que nos estimulan e nos convidan a abrir o libro unha e outra vez.
[presentación editorial]