Libros


O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte

Antón Alonso Ríos, escritor
0/5 (0 votos)

Narrativa, A Nosa Terra, 1996

ISBN: 84-89138-43-5

1996, A Nosa Terra; 2006, A Nosa Terra

A autobiografía, e en xeral toda caste de biografía, é un xénero moi pouco cultivado na historia da literatura galega. Con todo, os mellores exemplos do século XX son sen dúbida os relacionados coa Guerra Civil e coa sorte dos republicanos que conseguiron fuxir da represión que seguiu ao golpe de estado de 1936. O silencio redimido, de Silvio Santiago, e O siñor Afranio, subtitulado Ou como me rispei das gadoupas da morte, de Antón Alonso Ríos, son quizais os mellores exemplos.

O siñor Afranio é o libro de memorias do deputado agrarista Antón Alonso Ríos, escrito no seu exilio arxentino en dúas épocas distintas: entre os anos 1971 e 1972 a parte fundamental correspondente cos primeiros 25 capítulos, e en 1978 cos últimos cinco. O libro publicouse en 1979 por conta de Xosé María Álvarez Blázquez, que lle pedira o aínda exiliado e xa octoxenario Alonso Ríos a escrita das memorias, e que insistira despois para o seu remate seis anos despois. Os capítulos, que son sempre breves e van precedidos dun breve descritor, recollen unicamente o treito da vida de Alonso Ríos entre o golpe de estado do 18 de xullo de 1936 e o 29 de xuño de 1939, cando o republicano chegou ao porto de Bos Aires nun barco procedente de Portugal. Os capítulos van acompañados dunha gran colección de notas e textos auxiliares escritos polo propio Álvarez Blázquez, que teñen por obxecto aclarar algún detalle histórico e, particularmente, encher as lagoas que deixa Alonso Ríos coa promesa, nunca cumprida, de regresar a elas e completalas da súa man.

As memorias acompañan o periplo do deputado Alonso Ríos pola ribeira pontevedresa do Miño nos días inmediatamente posteriores ao golpe de estado, os seus inútiles intentos de organizar a resistencia, e a fuxida ao monte cando é avisado de que andan na súa procura para executalo. Nas semanas seguintes faise pobre de pedir e camiña á esmola por diversas aldeas e vilas do oriente da provincia de Pontevedra e do occidente da de Ourense, antes de entrar a servir como criado co alcume de "siñor Afranio" para dúas casas labregas, a primeira en Fornelos de Montes, e a segunda en Boborás. Posteriormente conseguirá cruzar a Portugal e fuxir á Arxentina.

As memorias das súas peripecias achegaríanse en temática e en punto de vista ao xénero picaresco senón fose polas novas que, fincando o relato, lle van chegando a Alonso Ríos dos amigos, compañeiros políticos e cidadáns fusilados, e polas diversas ocasións en que os falanxistas ou os gardas civís están a piques de prendelo (e executalo) por causa de delacións, buscas ou simplemente azar. Porén, a visión de Alonso Ríos, por veces abrupta e esquemática, non repara en sentimentos: os feitos colócanse pulcramente en orde cronolóxica, desprovistos de reflexións políticas ou de nostalxias pola familia, e acompañados só dunha fonda calor humana cara aos que o acolleron, e cara a moitos dos que cruza no camiño, independentemente do seu oficio ou ideoloxía.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |