Libros


Memoria dun silencio

Manuel Álvarez Torneiro, escritor
0/5 (0 votos)

Poesía, Ediciós Do Castro, 1982

ISBN: 84-7192-152-X

Memoria dun silencio, de 1982, foi o primeiro dos libros publicados polo coruñés Manuel Álvarez Torneiro. Pero non, en absoluto, o seu primeiro contacto coa poesía. Ao longo de máis de trinta anos Álvarez Torneiro fora colaborando en revistas literarias, promovendo e estimulando outras, gañando galardóns e premios convocados para poemas soltos...

Este serodio libro é complexo dende o punto de vista temático, en boa medida motivado porque as composicións que integra proceden de épocas bastante diversas. Se lle estremamos os fíos, percíbese o cruzamento de tres liñas claras. Dunha banda, unha forte compoñente socialrealista, que non se manifesta como un berro guerreiro, nin como unha reclamación para a reparación de inxustizas, nin presenta adscricións partidarias de esquerda nin nacionalistas, senón que adopta a forma dunha solidariedade aberta coas clases traballadoras (campesiñas, mariñeiras, operarias), a quen lles recoñece un esforzado papel de resistentes. Estes trazos achégano obviamente á literatura de combate dos anos setenta, pero máis especialmente ao moderado socialrealismo dos seus compañeiros de promoción (Xohana Torres, Avilés...), pero non só tematicamente: versos como "cemento descendente de cemento, / cemento procreando / millonario cemento enriquecendo / o home encementado en cementerio" coas súas repeticións tecnocráticas, poderían remitir perfectamente a Celso Emilio Ferreiro.

Por outra banda Memoria dun silencio recolle poemas existencialistas, máis característicos da súa escola, e que falan mellor dos anos de traballo poético escuro. Estas composicións, concentradas maiormente na primeira parte do volume, están porén marcadas polo optimismo. Desde a "alegría que ves, / que tes que vir" ata poemas onde reflexiona sobre a esperanza convencido da existencia de solucións, empurrando ao compromiso: "participa / eiquí, onde as mil crebas // Hai moito  que facer".

Pero tamén se advirte unha terceira liña que indica o teor que seguirán os poemas de Álvarez Torneiro nos vindeiros anos: un incipiente culturalismo, que se empeza a presentar tanto nas referencias ("por non morrer, entón / naquel tempo de artroses / voabamos nos ceos de Magritte / falabamos de Urbino / e Bach viña á tertulia"), como nunha visión decadentista do paso do tempo ("Todo / vai caendo ata o fondo / desta sabedoría sen edá"), como nun refugar explícito da escola da Tebra e do seu existencialismo pesismista e desesperanzado ("Porque non todo pode ser salouco, tebra / azucena esvarando / emanación de lepra no solpor" ou "tamén sería bo algo de olvido / e un vento de follas que enterrase / as manías da morte / obstinacións e sombra").

O libro está composto por unha cincuentena de pezas de diversa extensión, divididas en tres partes heteroxéneas ('Ao rente do aire humano', 'Dun tempo infame', 'Sumando vida'), sobre as que sería demasiado arriscado trazar claras fronteiras temáticas ou cronolóxicas. O verso é libre, pero moi rítmico, e recorre como sinala a crítica Dolores Vilavedra a un "preciosismo formal e compositivo" que explotará con máis forza nos anos seguintes.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |