
Ensaio, Sotelo Blanco Edicións, 2008
ISBN: 978-84-7824-543-7
Dende 1886, cando Montero Ríos sae elixido deputado polo distrito de Santiago, a urbe pasa a ser unha cidade de condición monterista dende o punto de vista político, e a corporación municipal así se definía. O monterismo iníciase como rede clientelar de carácter expansivo onde ideoloxía progresista e intereses locais se mesturaban para darlle un posicionamento á cidade de Compostela a escala estatal, en contraposición co pasado máis inmediato.
A política municipal en Santiago durante a maior parte da etapa da Restauración seguiu unha dinámica de ruptura coa quenda pacífica, debido á existencia dun liderado adscrito ao partido liberal que formou unha “plataforma política” que dominou a cidade como un “feudo clientelar”.
As concesións conseguidas da Administración central para a cidade de Santiago grazas á “protección” de Montero e da súa rede clientelar levaron a un desenvolvemento económico e obreiro da cidade, ademais de permitir unha “monumentalización” da mesma a partir das actuacións urbanísticas.
Porén, o caciquismo veu ser a variante española do clientelismo político que se estaba a desenvolver en Europa durante a transición do século XIX ao XX; un factor retardador no proceso de racionalización cara á democratización da sociedade occidental pero que permitiu a “estabilidade” precisa para iniciar reformas nun ambiente sociopolítico aínda en formación, se ben é certo que por medio de vías ambiguas e opacas que provocaron disfunción no sistema. O caso do monterismo en Compostela é un exemplo disto.
Colección “Realidade” en coedición co Consorcio de Santiago.
[presentación editorial]