Libros

O armiño dorme

Outros libros

Autores relacionados:

Libros relacionados:


O armiño dorme

Xosé Antonio Neira Cruz, escritor
5/5 (3 votos)

Narrativa, Editorial Galaxia, 2003

ISBN: 84-8288-612-6

O armiño dorme é a novela de maior repercusión literaria das escritas por Xosé Antonio Neira Cruz. Un autor que conta as súas obras de narrativa por premios, conseguiu con esta peza ambientada na Florencia do século XVI o Raíña Lupa de 2002 e que fose recoñecida entre os mellores dez libros de literatura infantil polo Banco del Libro venezuelano.

Gañadora do premio Raíña Lupa de novelas escritas para mozos en 2002, e publicada en galego en 2003, O armiño dorme continúa a orixinal e íntima traxectoria de Xosé Antonio Neira Cruz. Fóra as súas primeiras obras, no ronsel da fantasía urbana de Paco Martín, a narrativa deste autor compostelán camiñou cara a un proceso de autorrecoñecemento e aprendizaxe, onde as protagonistas, habitualmente mozas, viven esgazadores debates persoais.

No caso d'O armiño dorme, a protagonista é Bianca de' Medici, a filla ilexítima de Cossimo I de Florencia. A damiña, despois de vivir a súa infancia na aldea da súa nai, é recoñecida polo pai e trasladada á corte ao morrerlle a proxenitora. A aprendizaxe dos xeitos da corte, as intrigas de pazo e, particularmente, un amor secreto, prohibido e imposible cun cabaleiro de Siena, son os principais acontecementos dunha novela que repara en todos os detalles da vida ducal, xogando sempre entre a ficción e a veracidade, e situando a narración a medio camiño entre os andeis de novela histórica e os de literatura infantil e xuvenil.

O libro divídese en tres partes de tamaño desigual: o prólogo, onde se relata o descubrimento do cadaleito de Bianca de' Medici no século XIX, e como esborrallan ante os ollos dos obreiros o seu corpo perfecto e incorrupto e mais o da súa mascota o armiño; o epílogo, onde se contextualizan os feitos e se lles dá fasquía de verdade histórica; e a parte central, cerne da narración, que conta a vida de Bianca en primeira persoa, recorrendo ao tópico do "manuscrito achado", neste caso en forma de diario entre os brazos do cadáver da princesa florentina.

A atención, porén, máis do que aos feitos históricos, diríxese cara á vida íntima da princesa: o desenvolvemento persoal, o conflito na corte coa familia lexítima do duque, a relación coas criadas e as irmás, e mais a aprendizaxe dos praceres e do amor que ten lugar durante os momentos en que Bianca pode saír da corte ducal, polo antroido e polas festas de Siena. Nese camiño de coñecemento íntimo asocia a súa imaxe coa do armiño, branco animal de presa, que "aproveitou as comodidades desta gaiola de ouro na que os dous habitamos". O armiño comeza e remata a novela, asóciase coa figura de seu pai, mais tamén coa do cabaleiro sienés, e convértese en elemento central da narración e do sentimento dunha novela toda ela inzada de símbolos (as cores dos vestidos, as flores, as cartas do tarot...) e de preciosismo nas descricións.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |