O xornalista e escritor pontevedrés Luís Amado Carballo deu un único libro ao prelo na súa curtísima vida. A tuberculose levouno en 1927, con só 26 anos, e un poemario breve,
Proel, escrito en 1924 e publicado só uns meses antes da súa morte. Un ano despois un grupo de amigos liderados por Xoán Vidal Martínez publicou o seu segundo poemario,
O galo, na editorial
Nós, con prólogo de Otero Espasandín. A este segundo libro póstumo engadíronselle algúns poemas soltos en 1970 (recollidos por Xosé María Álvarez Blázquez) e en 1994 por Luís Alonso Girgado, que compoñen o conxunto da obra poética completa. No seu total son 77 poemas, onde se contan os 35 de
Proel, os 17 d'
O galo, e 25 a maiores, algúns deles só breves fragmentos, recuperados con posterioridade. Destes, seis son traducións: unha de Francisco de Asís, outra de Alfonsina Storni, outra de Reiner Maria Rilke e tres máis de Paul Fort.
Tense sinalado que Amado Carballo é un poeta vangardista; porén, as súas innovacións formais son escasas. A súa é unha poesía escrita en verso popular e rimado, con patróns moi simples, e con illados exemplos de versolibrismo (rexistrados por certo nos poemas recollidos a finais do século XX, e non nos publicados por el). Moitas destas composicións inspíranse en coplas e cancións populares (Aí vén o tempo de sachar o ceo / aí vén o tempo do ceo sachar), o que o sitúa na tradición decimonónica dos 'Cantares Galegos' de Rosalía máis ca nos versos rupturistas de Manuel Antonio. Bo exemplo desa liña coa tradición popular son as abondosas cancións de berce.
As súas achegas foron ben outras. Non por casualidade o sétimo dos poemas comeza cunha cita do Cemiterio mariño de Paul Valéry. A lectura intensa que Amado Carballo fixo do simbolismo francés levouno a crear poemas descritivos, onde os elementos da paisaxe, tanto os naturais coma os creados polo home, converxen en movementos e escenas complexas. As súas mariñas, con diferencia a temática máis común nos seus poemas, son breves composicións descritivas a miúdo formadas por unha secuencia de imaxes xustapostas sen ligazón lóxica. Detalles que, illadamente, poderían ser entendidos como haicus (fóra a métrica), e onde á natureza lle atribúe comportamentos propios dos homes (No mar noviño do trinque / báñanse as nubes preñadas / que pra curar mal de andacio / viñeron dende a montaña). Esa corrente do paisaxismo, tamén denominada hilozoísmo por Carballo Calero, é a marca do autor que sinala todos os seus poemas . O paisaxismo, en troca dos seus referentes franceses, é bastante oco: non podemos buscar nas mariñas sinais de existencialismo, nin símbolos de paixóns encontradas, nin indicios dun temperamento atormentado: só comuñón coa xeografía da ribeira, referente identitario na liña doutras moitas obras da poesía e prosa da preguerra, e do que un bo exemplo é o poema á vaca, que enlaza perfectamente cun artigo do propio Amado Carballo sobre "o culto astral da vaca en Galicia" publicado n'A Nosa Terra. Por demais, os poemas teñen un discreto pouso amoroso, e xogan cunha relixiosidade popular de romarías e oracións máis na liña da descrición costumista que na da reflexión teolóxica.
Os libros de Amado Carballo foron moi ben recibidos no tempo, comparados ás obras de Rosalía. Como sinalou Méndez Ferrín, "moitos contemporáneos e posteriores aprestáronse a lle render a Amado a máis significativa das homenaxes: a imitación", e a nómina de autores que, particularmente na primeira metade do XX, botan man da natureza animada de Amado Carballo é moi extensa.