Libros

Sediame eu

Outros libros

Autores relacionados:


Sediame eu

Meendinho, escritor
0/5 (0 votos)

Poesía, C. Ramón Piñeiro-Xunta de Galicia, 1996

ISBN: 84-453-1838-1

Publicado en Lírica profana galego-portuguesa

A cantiga que comeza por 'Sedíam'eu...' é a única que se conserva do seu autor, o xograr Mendiño. Pouco se sabe del, como en xeral pouco se sabe de ningúns dos trobadores medievais, e se ben esta é a única peza que nos chegou del, semella obvio que esta debe ser só unha mostra do repertorio que o autor incluiría nas súas actuacións musico-poéticas e que o seu corpus debería ser por forza, aínda que só fose por razóns de sobrevivencia económica, moito máis completo.

E non só en número. Como todos os textos procedentes dos manuscritos medievais, o que nos chega ata nós é só unha pequena parte do que o poema era. Non coñecemos a música, aínda que sabemos que as cantigas de amigo se acompañaban dela, pero tampouco manexamos máis datos que nos axudarían a contextualizar o poema (localizalo xeográfica e cronoloxicamente, por exemplo), nin todos os termos e versos recollidos están claros. Velaquí un bo exemplo desas dúbidas e vacilacións: durante moitos anos (desde a edición do portugués José Joaquim Nunes, en 1926) pensábase que tiña un dobre verso repetido ao final de cada estrofa (denominado refrán), que era "eu atendendo o meu amigo, eu atendendo o meu amigo!". Porén, o italiano Giuseppe Tavani, en 1980, propuxo unha lectura diferente a partir dun minúsculo signo de puntuación colocado ao final do manuscrito: "eu atendendo o meu amigo! E verrá?". Ou sexa, "eu agardando polo meu amigo, ¿e virá?". Esta é a forma aceptada actualmente como máis correcta.

O poema é, de por parte, a mellor e máis nítida representación da 'cantiga de amigo' de estilo tradicional, é dicir, a menos influída polos modos e estilos da 'cantiga de amor', máis elaborada e complexa e de orixe provenzal. A sinxeleza dos modelos, a consistencia dos paralelismos e a estrutura de monólogo levaríannos a pensar que a cantiga de Mendiño pertence ao modelo máis arcaizante, máis galego (se se permite), e poderiamos conseguintemente datala no primeiro cuarto do século XIII.

O poema describe os lamentos de soidade e abandono dunha moza que se atopa na ribeira do mar, xunta unha ermida chamada de San Simión. A tradición ten localizado o templo na illa de San Simón, no fondo da ría de Vigo, interpretación bastante plausíbel, e que levaría a pensar a orixe máis ou menos viguesa do autor. A estrutura responde ao modelo máis estándar, o de estrofas de dous versos que riman entre si e acompañados dun verso máis libre, que se repite ao cabo de cada estrofa, chamado 'refrán'. Ademais, presenta leixaprén, figura literaria medieval que consiste na repetición do último verso da primeira estrofa como primeiro da terceira, e do último da segunda como primeiro da cuarta, e así constantemente. Todos estes mecanismos tiñan unha función rítmica: non esquezamos que estes poemas se cantaban.

O mar é un dos escenarios favoritos dos trobadores galegos, e constitúe un elemento fundamental ao provocar a separación dos amantes. A moza, soa e abandonada na illa, recibe as fortes e simbólicas ondas do mar en desesperación, un mar que a afasta fisicamente do seu 'amigo' e que ao tempo a bate e axita na desesperación erótica. A treboada desátase paradoxalmente na parte máis calma da ría e a moza non ten máis consolo cá esperanza non cumprida de que lle chegue o 'amigo': "e verrá?"


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |