Libros

Literatura galega da muller

Outros libros


Literatura galega da muller

0/5 (0 votos)

Ensaio, Edicións Xerais de Galicia, 1991

ISBN: 978-84-7507-560-0

O máis completo dos libros publicados sobre a literatura galega escrita por mulleres foi sen dúbida o publicado pola filóloga Carmen Blanco en 1991 co título de Literatura galega da muller. Con el facíase un fito, non só na historiografía da literatura galega, senón tamén no percorrido do feminismo en Galicia.

Literatura galega da muller é o máis completo dos libros científicos realizados sobre a historia da literatura galega escrita por mulleres e o primeiro que trazaba un percorrido polo seu conxunto. Esta é, ademais, a obra ensaística máis importante de Carmen Blanco, que anteriormente publicara diversos traballos e edicións críticas doutros autores galegos, e que continuaría a súa traxectoria vencellada fundamentalmente á creación poética e aos textos e colaboracións breves de temática feminista.

Así pois, este Literatura galega da muller é a súa obra fundamental e, como recoñece no limiar, traballou nela durante máis dunha década, en paralelo a un labor de análise da muller na literatura, que aínda permanece inédito. O volume, máis ca un esnaio único, recolle un conxunto de artigos de metodoloxía, temática e extensión diversa, unidos por un común referente, a literatura galega escrita por mulleres. Iso non impide que, a modo de "homenaxe persoal á súa actitude intelectual e vital", inicie o libro un artigo sobre a escritora Virginia Woolf, de quen arrincan diversos posicionamentos teóricos que se examinarán ao longo do libro, como a existencia dunha escrita feminina ou a análise dos condicionantes sociais e materiais ("Unha habitación de seu") na creación feminina.

Os demais artigos céntranse en escritoras galegas. Algúns deles, como os dedicados a Rosalía de Castro ('Mitificación e mistificación dunha figura' e 'A problemática social da escritora na obra rosaliana'), a María Mariño Carou, a Margarita Ledo, e mais o breve apéndice centrado en Marina Mayoral, están centrados en figuras de escritoras, analizadas dende unha perspectiva biográfica e literaria, examinando a fasquía que a escrita feminista adquire en cada unha delas. Nesa liña sitúase o artigo dedicado a 'Amantía', a novela de María Xosé Queizán ambientada no tempo do priscilianismo, e onde Carmen Blanco destaca a vontade de recuperación da tradición oculta, tanto de Prisciliano como do papel das mulleres na historia antiga.

A un achegamento máis panorámico corresponden tres ensaios parciais centrados no esnaio de temática feminista, nun repaso de diversas figuras poéticas da segunda metade do século XX, e do labor das mulleres galegas como creadoras de literatura infantil e xuvenil. Algunhas das súas achegas, como a análise da figura de Francisca Herrera e do seu antifeminismo, son os textos máis completos dedicados a esas autoras. Pero sobre estes ensaios trázase o último do volume, titulado xenericamente 'As escritoras galegas', e onde realiza un percorrido histórico pola escrita de mulleres en galego dende as cantigas de amigo e a súa condición xenérica ata a poesía dos anos oitenta, recuperando argumentos anteriores e encaixándoos nun molde cohesionado.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |