Libros

Fálame

Outros libros

Autores relacionados:


Fálame

Antón Lopo, escritor
0/5 (0 votos)

Poesía, Sociedad de Cultura Valle-Inclan, 2003

ISBN: 84-95289-41-5

2003, Sociedad de Cultura Valle-Inclan

De todos os seus libros de poesía, en Fálame o xornalista Antón Lopo é onde a percepción da incomunicación na sociedade contemporánea acada o primeiro plano. A obra incorpora a cotidianeidade aos versos, poboados de referencias á vida corrente, e representa o máis visible da temática queer entre as nosas letras.

Antón Lopo presentou Fálame (2003), o seu sétimo libro de poesía, ao premio Esquío en 2002, e foi publicado ao ano de seguinte logo de colleitar o accésit nun certame que quedou deserto. Este feito pode darnos idea do controvertido da súa poesía, tanto no formal como no temático, que sitúa a Antón Lopo nas marxes do sistemas literario galego malia a súa xa abondosa produción tanto poética como narrativa. Finalmente, o libro veu a luz dentro da colección dedicada ás obras premiadas no Esquío, con lixeiros trocos de supresión e engadido de poemas que non afectaron o esencial da súa estrutura.

O libro está dividido en catro partes, non identificadas, e separadas entre si por dobres follas en branco. A primeira desas catro seccións é claramente diferente e compón un ciclo pechado, onde se segue a evolución dunha relación de amizade (antigo amor) entre un home que está na Alemaña e a voz do autor. Porén, as outras tres seccións non presentan especiais diferencias temáticas, nin unha evolución do discurso ao longo dos poemas. Pecha o volume unha composición de homenaxe onde aparecen retratados distintos membros poetas do colectivo cultural Redes Escarlata, ao que pertence o autor.

Tematicamente, a obra percorre dende o propio título distintas formas de comunicación, ou máis ben de incomunicación, que lle permiten ademais incorporar linguaxes prosaicas ao feito poético: as chamadas de móbil, as mensaxes de texto ou os correos electrónicos aparecen aquí e acolá marcando os poemas, pautándoos na súa orde temporal e levándoos ao paradoxo da incomunicación ("mañá cóntoche todo nun email, promete" ou "O seu móbil óese mal. / Sempre di, / ' vou tirar con este trasto' / e sempre lle falta valor") e a situacións onde, ante a inmediatez da comunicación ("faloume / tamén dun tío que sempre parecía estar a punto de / dicirlle algo interesante") o contacto humano acaba diluíndose en baleiros, moitas veces dorosos ou irónicos ("e sempre lle acaba falando / daquelas poetas portuguesas").

Esta reflexión sobre a incomunicación é unha temática presente en diversos creadores e creadoras da literatura galega do XXI, como tamén o é a volta a un hedonismo material, e ao misticismo espiritual, con múltiples referencias á diversidade sexual, ao consumo das drogas, ás crenzas orientais e a un desexo que se oculta baixo o discurso do convencionalismo. A de 'Fálame' é unha poesía embebida de prosaísmo, de frases sinxelas sobre feitos cotiáns, onde o contorno do poeta, o que lles pasa aos amigos, as vivencias dos próximos, son o espello dende o que deducimos o autor, case sempre oculto e espectador. Unha poesía inzada de referencias culturais pero sobre todo de comentarios e chiscadelas ao ámbito máis íntimo (palabras-contrasinal, bares comúns, referencias á vida persoal...) que, no canto de abrir abismo entre lector e obra, achegan a distancia ao exemplo de cadaquén.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |