Do ermo é o máis importante dos libros publicados polo mestre de escola mindoniense Antonio Noriega Varela e, en realidade, representa o conxunto da súa obra poética. Ben é verdade que en 1904 xa dera ao prelo
Montañesas, pero eses poemas iniciais foron despois recollidos en 1920 na primeira edición de
Do ermo, que se iría continuamente ampliando baixo o mesmo nome ata a morte do poeta en 1947. De feito, pódese trazar unha clara liña de progresión entre os primeiros e máis antigos versos de
Do ermo e os últimos, escritos corenta anos máis tarde.
Quedan ademais del algunhas composicións soltas en revistas e outras publicacións, así como libros non poéticos, pero pódese dicir que Do ermo representa toda a obra en verso deste autor de comezos do século XX. Porén, se ben Noriega Varela foi un autor cronoloxicamente dese século (nacido en 1869, comezou a publicar en 1904 como xa mencionamos), a súa poesía é claramente decimonónica e allea por completo ao fenómeno das vangardas. Así, aínda que os seus versos tiveron amplo eco nas súas primeiras edicións, as súas formas literarias e o seu illamento persoal, desvinculado do galeguismo político da República, fórono deixando nunha posición marxinal conforme avanzaban as décadas.
A obra poética de Noriega Varela oriéntase ao longo de dúas vías temáticas principais: unha, máis coñecida, relacionada co paisaxismo e co tópico latino da vida retirada, e outra, menos valorada pola crítica, de poesía erótica. Esta liña, que ocupa unha posición menor, foi incluso suprimida polo autor, que retirou estrofas ou poemas enteiros das últimas edicións. Esta é unha poesía tradicionalista, que exalta as formas do amor e da sedución no rural (as ruadas, as fías...) e que a miúdo se presenta na forma de diálogo, como no poema 'Caso imprevisto' ("Pouquiño a pouco / metinlle a tentas / a mau no fondo / da faltriqueira") ou o extenso 'Leite fresco', que empeza provocadoramente cos versos "Cando vas tomar o leite? / andábame decindo Anxela". Esta poesía dialogada debe relacionarse coas pescudas filolóxicas de Noriega Varela, autor do tratado 'Como falan os brañegos' (1928), e onde se encadenan versos curtos e frases rápidas directas, próximas de xéneros populares como a regueifa.
Con todo, é nos seus poemas clasicistas onde Noriega Varela conseguiu os mellores versos. Con eles reelabora nas montañas luguesas algúns dos temas máis relevantes da tradición europea, particularmente o carpe diem ('Sae duns pomares'), a fugacidade da vida, e a súa consecución horaciana do apartamento do mundo, que tivo no bispo de Mondoñedo Antonio de Guevara un dos seus principais repetidores. Vese así en moitas das súas mellores obras, como o poema que comeza "Embreñarme procuro, e feliz fora / se xa de meu tivera unha casiña / na fragosa montaña", no breve 'Deixa os armiños de Helvecia' ou en 'Soberbio pazo'. Ao lado da vida social e da procura da riqueza, Noriega Varela busca o apartamento no marco dunha natureza dura, esgrevia, poboada de mulleres fortes e de vexetación de montaña, pulcra e detalladamente descrita. Para iso emprega múltiples formas líricas, sempre rimadas, particularmente o soneto, mentres que ensaia a copla e formas populares nas composicións máis enxebrizantes.