Libros

Gramática do idioma galego

Outros libros

Autores relacionados:


Gramática do idioma galego

Manuel Lugrís Freire, escritor
0/5 (0 votos)

Ensaio, Imprenta de Zincke Hermanos, 1922

ISBN: 84-96530-14-0

1922, Imprenta de Zincke Hermanos; 2006, Consello da Cultura Galega

O poeta e dramaturgo Manuel Lugrís Freire deu ao prelo en febreiro de 1922 o libro Gramática do idioma galego, onde recollía todas as súas notas e apuntamentos gramaticais presentados dunha forma coherente e ordenadamente metódica. Escollida polas Irmandades como gramática de referencia, foi un auténtico éxito de vendas ata o punto de que coñeceu unha reedición en 1931, feito insólito na historia da lingüística galega. Foi a gramática máis importante do seu tempo, cincuenta anos despois de que se publicase a gramática anterior ("levamos moitos anos agardando por unha Gramática do Idioma, e como non aparescía por ningures, eu adiquei os poucos momentos de vagar para a facer", declara o propio Lugrís Freire no prólogo), e estableceuse como canónica para o estudo e fixación do galego da preguerra.

A gramática de Lugrís Freire cumpre ademais outros fitos: é a primeira gramática, como tal, escrita integramente en galego; ademais, é a primeira gramática prescritiva, é dicir, que pon o acento máis no establecemento dunha norma e duns criterios para rexer a escritura ca na descrición dos fenómenos. Está segmentada en seis partes: as tres primeiras responden á división clásica de fonética, morfoloxía e sintaxe, mentres que as outras tres son uns complementos de diversa consideración (os 'aditamentos' recollen comentarios sobre topónimos, frases feitas, os días da semana ou unha listaxe de castelanismos; unhas 'mostras literarias' cun mañuzo de textos en prosa e poemas clásicos e contemporáneos; e un vocabulario galego-castelán que é un extracto dunhas cincuenta páxinas do de Leandro Carré.

En realidade, boa parte da Gramática é unicamente un refundido e traducido de textos anteriores, vernizados iso si polo carácter prescritivo, e ordenados dunha forma máis moderna cás gramáticas anteriores do XIX. De feito, como remate da obra preséntase unha pequena listaxe dunha ducia de obras sobre lingua e literatura galegas, a modo de bibliografía, de onde foron escrupulosamente retiradas as fontes da lingua española que porén Lugrís consultou sen dúbida. Esta selección interesada e a lista de castelanismos son un bo indicador das liñas ideolóxicas que definen a gramática de Lugrís, e que el mesmo presenta no prólogo: ante o feito de que "outros escritores comezaron a empregar a nosa fala c'un desconoscemento compreto das suas leises fonolóxicas e gramaticás", Lugrís Freire trata de puír esa lingua literaria das que entende como tres principais ameazas: dialectalismos, "parolas brutas" ('vulgarismos') e castelanismos.

Con respecto ao modelo dialectal, Lugrís Freire, que era de Sada, presentou un perfil occidental, rexeitando os pronomes 'il' e 'tu', facendo os adxectivos en -án e os plurais e como 'casás', por exemplo, mentres que non fai ningún tipo de referencia á gheada e non recolle o seseo agás en posición final de palabra.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |