Libros

Queixumes dos pinos

Outros libros

Autores relacionados:


Queixumes dos pinos

Eduardo Pondal, escritor
2,75/5 (12 votos)

Poesía, Latorre y Martínez, 1886

ISBN: 84-9757-002-2

Queixumes dos Pinos é a obra máis importante de Eduardo Pondal, e unha dos títulos cume da literatura galega. Moitos dos seus versos son popularmente coñecidos a pesar da súa dificultade estilística. Porén, os versos de Pondal máis difundidos, os do poema 'Os pinos', que nas súas primeiras estrofas lle dan letra ao himno galego, nunca foron publicados como parte integrante desta obra aínda que nas antoloxías e edicións modernas se inclúan habitualmente dentro do mesmo volume. En realidade, se deixamos á marxe Os Eoas, obra inacabada e só editada postumamente a finais do século XX, Queixumes dos pinos representa a maior parte da produción poética de Eduardo Pondal.

O conxunto, publicado en 1886, contén 89 composicións, parte das cales xa procedían de Rumores de los Pinos. Esta obra, de 1877, é bilingüe castelán-galego; fronte a ela, nove anos despois, Pondal traduce practicamente todos os poemas ao galego e escribe outros tantos máis, elimina outras composicións, realiza ducias de modificacións léxicas e fomais e suprímelles os títulos internos, co que se configura un todo único. Esa aposta decidida por unha escrita integramente en galego axéitase a un momento político de cambio e de reforzamento do discurso identitario do grupo de intelectuais coruñeses nucleado arredor de Murguía.

O volume é tematicamente moi homoxéneo, con tres liñas principais ás que se poden adscribir a práctica totalidade das composicións: a épica, o paisaxismo e a poesía erótica. A épica correspóndese á aplicación dun molde ideolóxico: o bardo, o protagonista do libro, leva no seu cantar os segredos dun tempo antigo, céltico, que é preciso transmitir para redimir a patria; se o bardo fose escoitado, o heroe, viril e forte, rexurdiría e retomaría a suposta estirpe que vencellaría o pobo galego cun glorioso pasado de combates. Ensamblada coa épica decorre unha poderosa e simbólica interpretación da paisaxe. O contorno montañés de Bergantiños, os seus mares batidos, os seus ríos bravos, son o referente pero tamén a lembranza dos heroes: os pinos e os corvos levan o seu son, as uces a súa forza, e atormentan o bardo errante e incomprendido na súa soidade. Finalmente, a paisaxe esgrevia tamén é o lugar axeitado para o sexo, nunha liña erótica que conecta coas anteriores na exaltación da forza e da virilidade. As mulleres son apenas un triunfo máis do guerreiro, que deben ser tomadas no punto de virxindade ("rapaceta nova / de tan curta edá / que segas catorce / non pode contar"), e con violencia se fose necesario.

Esta homoxeneidade non é só temática: tamén formalmente se repiten os mesmos esquemas de rima e versificación, con estrofas que se sitúan a medio camiño entre as formas romanceadas e o verso longo clásico, nun intento de darlle tamén a través dos recursos rítmicos unha fasquía épica. Os mesmos versos, as mesmas palabras rimadas, e o mesmo léxico culto e altisoante repítense aquí e acolá ao longo das estrofas, dándolle unidade e configurando un estilo pondaliano único e doadamente identificábel. O seu obxectivo, como se transmitiu a través dunha frase apócrifa, era transformar o galego literario (unha lingua de ferro), nunha lingua de ouro.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |