Libros

Herba moura

Outros libros

Autores relacionados:

Lecturas temáticas:


Herba moura

Teresa Moure, escritor
3,5/5 (2 votos)

Narrativa, Edicións Xerais de Galicia, 2005

ISBN: 978-84-9782-347-0

2005, Xerais

A segunda novela da lingüista Teresa Moure resultou un dos grandes éxitos da literatura galega de comezos do século XXI. Gañadora do Premio Xerais en 2005, foi rapidamente traducida a diversas linguas occidentais, onde tamén colleitou ampla repercusión.

Herba Moura foi a segunda novela escrita por Teresa Moure e acadou unha grandísima difusión. Vencedora do premio Xerais en 2005 e publicada ese mesmo ano, tivo rapidamente diversas edicións en galego, así como traducións a catalán, español, romanés ou neerlandés, entre outras linguas. Recibiu ademais un importante respaldo da crítica, e unha grande repercusión mediática galvanizada pola traxectoria da autora (diversos premios de novela, ensaio e teatro, intervencións provocadoras en debates públicos, etc.).

O libro está dividido en 125 pequenas unidades, agrupadas á súa vez en catro grandes seccións: Christina de Suecia, Hélène Jans, Elas, das que tanto se fala, e finalmente Einés Andrade, que van marcando dalgunha forma non só os respectivos protagonistas das partes, senón tamén os momentos históricos e incluso o estilo narrativo. Porén, esta compartimentación non é estanca senón fluída, e na sección titulada Christina de Suecia lemos unidades non só referidas a Hélène Jans, senón tamén referidas á vida de Einés Andrade, 350 anos máis tarde, nun continuo salto temporal, aparentemente anárquico, que só a medida que avanza a lectura vai collendo orde e encaixe.

As distintas unidades pertencen en boa parte ao discurso narrativo clásico, pero tamén se contan entre eles fragmentos que corresponden, como nun patchwork, a diversos xéneros e procedencias: reflexións da raíña sueca, cartas de Descartes, receitas do herbolario de Jans (quen tivo un fillo con Descartes), poemas da estudante de flosofía Einés Andrade, correos electrónicos do profesor de Einés, etc. Este feito confírelle á obra unha grande diversidade estilística pero sobre todo un mudante xogo de perspectivas, que fai que resulte complexo identificar un só fío narrativo.

Con todo, as historias das tres mulleres, Cristina de Suecia, Hélène Jans e Einés Andrade, apuntan ao mesmo tema: a revalorización do coñecemento feminino, o desprezo masculino ao saber das mulleres dentro do sistema occidental, e o ocultamento resultante, máis ou menos intencionado, que se consegue vencer a través da transmisión intraxeracional de muller a muller e que fai posíbel que, ao cabo, a princesa sueca e a "meiga" do XVII se vinculen coa moza do XXI. O feminismo de Moure constrúese así máis sobre a achega particular do que sobre o igualitarismo, e defende os valores sociais e morais que as mulleres teñen que achegarlle á sociedade. Estas son ideas xa recollidas noutras novelas de Moure, e principalmente nos seus ensaios, así como a de que existe unha linguaxe feminina: esta identifícase con claridade na novela, e a ela corresponden con certeza as partes máis experimentais dende o punto de vista estilístico.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |