De toda a ampla produción dramática de Manuel Lourenzo, o título que obtivo unha maior difusión de crítica e público foi
Veladas indecentes. Composta de tres pezas breves, 'A velada de Londres', 'Cando chega decembro' e 'A velada espectral de Míster Peabody', recibiu en 1997 o Premio Nacional de Literatura Dramática. Foi ademais traducido e representado por unha compañía que non lle pertence ao autor, o que non era particularmente frecuente no teatro galego dos noventa.
Malia seren de épocas distintas ('A velada de Londres' é un texto de 1992; a de Míster Peabody de 1995), e seren creadas con finalidades ben distintas, posto que esta última se produciu por encarga para unha compañía, mentres que a de Londres foi representada, as tres "veladas" presentan unha grande unidade temática e estilística. 'A velada de Londres' describe en varias escenas breves o proceso de vampirización en Londres de Mina Harker e mais do seu home Jonathan Harker, logo de coñeceren en Transilvania o conde Drácula. 'Cando chega decembro', de 1994, narra os preparativos dunha representación alegórica de Nadal onde interveñen estraños seres que forman unha especie de corte medieval. 'A velada de Míster Peabody', escrita para conmemorar o quinto centenario da fundación da Universidade de Santiago, reflexiona sobre unha trama de especulación urbanística dende a perspectiva dos xornalistas do diario local.
Todas as tres teñen como marco de referencia a temática da transformación, nalgúns casos máis obvia, como no proceso de vampirización, e noutros máis agochada, como no xogo dos papeis que se reparten os actores do auto de nadal, ou na transfiguración de míster Peabody, que pasa de especulador a bispo e logo a borrachiño na terceira das "veladas". Esa transformación, lonxe de amosarnos a parte oculta e certa da realidade, ofrece unha nova visión da vida que se suma á que xa tiñamos para chegar a un total escepticismo: son tantas as razóns que se nos ofrecen sobre o proceso especulativo da 'Velada de Míster Peabody' que só se pode concluír que todas as hipóteses son falsas.
O xogo cos mitos clásicos, que caracterizaron a escrita dramática de Lourenzo dende os seus inicios nos setenta, segue aquí presente. Nas veladas recoñecemos como parte fundamental a historia do conde Drácula, pero tamén mitos e figuras shakespereanos, dende os dous príncipes Olav e Ahmed (onde se ven as trazas de Rosencrantz e Guildenstern) ata o preto Coconut (as de Caliban) de 'Cando chega decembro', ata o coro das tres irmás monxas d'A velada de Míster Peabody', que lembran as bruxas do 'Macbeth'. Ese xogo e actualización dos referentes míticos e teatrais crea unha atmosfera inquietante e tráxica característica da produción de Lourenzo, que contrasta cunha visión erótica provocadora (Coconut e Ana acaban tendo sexo por cartos en escena) e cun humor sardónico e ácido, máis visible na terceira das pezas.
A alegoría e a dificultade textual son grandes, e o texto desvínculase do feito da representación: ou ben non existen acoutacións, ou ben estas son tan líricas ("pérdese, como se perden todos nesta historia, na cara oculta e consternada dun decembro que non vén nos almanaques") ou tan cinematográficas ("a secuencia de marras fitámola a través dos lentes do binóculo") que resulta certamente complexa de levar as veladas á escena.