Libros

O porco de pé

Outros libros

Autores relacionados:


O porco de pé

Vicente Risco, escritor
3,14/5 (14 votos)

Narrativa, Nós, 1928

ISBN: 84-8288-638-X

1928, Nós; 2004, Galaxia

O porco de pé é sen dúbida a obra máis coñecida de Vicente Risco, e o máis claro representante dun xénero, a sátira, raro no panorama literario galego. Escrito en 1928, O porco de pé continúa unha liña literaria comezada polo seu autor uns anos antes, cando en 1919 publica nas páxinas dun xornal Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros, e que o levou a producir nesa década seguramente os máis interesantes exemplos de narrativa curta da preguerra (A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, 1925; A Coutada, 1926...).

De feito, un dos dous personaxes principais d'O porco de pé é o mesmo doutor Alveiros, un médico ocultista que, se en 1919 descubría a momia de Tutancamón a canda un defunto investigador alemán en plena viaxe astral, en 1926 se enfronta ao decline social e á crise política dunha vila galega nos tempos da Restauración. O outro dos protagonistas é Don Celidonio Latas, comerciante maragato que chegou á cidade como mancebo de tendeiro e que a base de aforrar, casar e ben relacionarse acadou unha posición principal no ecosistema da vila. Ou como din as famosas palabras de Risco que comezan a obra "Don Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde".

Entre os dous personaxes establécese ao comezo do libro unha oposición de caracteres que acaba converxendo nun sistema parasitario: don Celidonio é a materia, o diñeiro, que ten como animal totémico o porco ("cada home aseméllase ó seu tótem"); o doutor Alveiros, ás veces visto como trasunto do propio Risco, é o espírito, pero un espírito "filisteo" e pobre, que foi perdendo as rendas do seu pasado fidalgo e que combate a crise económica con tertulias vacuas e filosofías ocultistas. Ao final da novela, e logo dunha fase de oposición política, a cobiza leva o doutor Alveiros a humillarse diante dun don Celidonio socialmente triunfador.

Escrito sen pausa, O porco de pé ten unha estrutura simple: o discurso cronolóxico de acontecementos que narran a subida ao poder de Don Celidonio, interrompido por sucesivas digresións onde se critica por extenso o tecido social do momento: o agrarismo, o sistema político, as ideas revolucionarias, as novas comidas ou os cultos orientais son exemplo dunha época de hipocresía total onde o único valor é o diñeiro. A sátira enguedéllase en listas de cualificativos, en enumeracións de credos, estilos e profesións, en desapiadadas descricións físicas e morais e en adaptacións paródicas das linguaxes da ciencia, do esoterismo ou do xornalismo. O conxunto de múltiples discursos, que pode parecer caótico, foi definido polo estudoso Millán Otero como "a mellor manifestación formal dunha sociedade desarticulada, convertida en masa". A súa prosa, no contexto da Galicia da época, está aprendendo a ser urbana, áxil e moderna, e que tivo unha rápida e amplísima difusión no momento.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |