
Poesía, Editorial Galaxia, 1961
ISBN: 84-7154-089-4
A obra ten pois dúas épocas, e tamén dous estilos bastante diferentes. O carácter das composicións muda considerabelmente pola percepción da propia morte, e dun ton inicial máis de homenaxe e reverencia a escritores antigos, pásase a unha maior implicación do propio Iglesia: o xogo e o percorrido polas obras dos outros troca nunha solidariedade de quen se sente só e intúe que os seus días están a rematar (Remexendo na cinza da pateira dos anos, / sentado no escano dos días, / coma charamuzas, / á luz da miña lámpara de barro mouro, / velo e fago o abellón / por entre fragas de mortos, / ás portas do camposanto do tempo).
A percepción da morte e do decorrer do tempo reflíctese insistentemente a través da paisaxe: a xeografía non é só un pano de fondo, senón a expresión simbólica de moitos dos medos e desexos do poeta (fixeran o seu niño os pazpallares / nos prados da herba seca, agachadiños, / entre magarza e leve leboriña. / Pero andan xa chamando ós gadañeiros. / E nas airas crabuñan xa as gadañas). Unha paisaxe onde abrochan remexidos unha torrenteira léxica, descritora de centos de pequenos detalles da natureza, coas citas textuais dos autores (e pintores, no caso de Maside) homenaxeados, constante noutras obras del e presente tamén nos seus valiosísimos traballos de tradución de clásicos, coma Horacio ou Plauto. O valor reivindicativo que ten sinalado Manuel Forcadela figura máis no feito homenaxear a García Lorca, Machado ou Riba en 1958 ca nas letras do texto, completamente afastado da temática social ou realista.