
Tituladas “Os señores da terra”, “A maorazga” e “O estudante” apareceron, por razóns editoriais, as tres partes, con sete capítulos cada unha, que compoñen a que foi cualificada como a meirande pintura mural da decadencia da fidalguía ao longo do século XIX, Os camiños da vida. Nela asistimos á vida de dúas familias que representan o devalo desta clase, os Doncos e os Pugas, ou tempo que se nos ofrece unha panorámica da vida aldeá e das mudanzas que a sociedade galega tivo nos anos que van entre a chegada ao poder de Mendizábal (1835) detonante definitivo da revolución burguesa, e as vésperas da revolución de setembro de 1986.
A novela versa sobre un dos temas máis recorrentes da narrativa de Otero, a desfeita do sistema tardofeudal e os inicio dunha nova maneira de entender a vida e as relacións socioeconómicas na nosa sociedade. Asistimos á chegada da economía monetaria, á desfeita do poder histórico dos mosteiros pola desamortización e aos inicios da decadencia dos “señores da terra”.
Otero xulga negativamente a chegada dos comerciantes e tendeiros casteláns e maragatos e dá conta dos vicios e da deterioración económica da fidalguía, incapaz de liderar un proceso que impida a destrución dos cimentos básicos sobre os que se asentaba a sociedade tradicional. Este motivo, que atravesa transversalmente a súa obra, aparecerá ben tempo despois en ensaios como “A aldea galega no seu decorrer histórico” (1965).
Na novela estabelécese unha síntese entre a paisaxe natural, co outono e o minguar do día e a paisaxe humana do rural galego, co seu tecido social, mais particularmente co campesiñado, visto como colectividade en coprotagonismo coa paisaxe ou caracterizado individualmente por medio de trazos realistas, arredándose dos bastos estereotipos que foran lugar común para a caracterización das clases populares na narrativa dedimonónica.
A liña argumental da novela decorre parella á súa sucesión de espazos físicos, desde a terra do Ribeiro até Ourense e Compostela. “Os señores da terra” transcorre na comarca do Ribeiro, nun trasunto da Trasalba onde Otero tiña casa e herdades. Alí moran os Doncos e os Pugas, familias fidalgas enfrontadas polos seu posicionamento político mais unidas nun proceso de degradación progresiva que simboliza a incapacidade desta clase de adaptarse á nova realidade histórica.
Será a familia dos Puga, con Ramoniña, a morgada protagonista da segunda parte da novela, e de maneira especial coa historia de Adrián Soutelo que coñecemos polo seu sobriño Paio Soutelo, primeiro estudante en Compostela e logo medico na Bocarribeira, a quen simbolice a esperanza de salvación da súa caste que, enfrontada ao declive, consegue manter a súa hexemonía social ao converterse en elite intelectual e ir asemade incorporando o pensamento galeguista.
A importancia do discurso histórico, a defensa dos valores precapitalistas ou a rexa caracterización dos personaxes son algunhas das características dunha obra que a crítica cualificou como poema épico frustrado ou como novela realista contaminada por elementos culturalistas e dun romanticismo epigónico.