Libros

Lugar

Outros libros

Autores relacionados:


Lugar

Raúl Dans, escritor
0/5 (0 votos)

Teatro, Edicións Xerais de Galicia, 1995

ISBN: 978-84-7507-956-1

Lugar é a obra dramática máis importante das escritas por Raúl Dans, e foi merecedora do premio Álvaro Cunqueiro 1994 de teatro, o máis relevante dos que existían na Galicia do tempo. O libro publicouse inmediatamente despois, en 1995, pero diversas dificultades, relacionadas coa precariedade do sistema teatral galego, fixeron que a obra non se representase ata 1999. No contexto da dramaturxia galega dos noventa, Lugar representa un dos mellores exemplos de simbolismo realista e da poética do fracaso, constantes que tamén se poden percibir noutras pezas do momento, nomeadamente de Vidal Bolaño.

A peza é unha obra curta, nun só acto, e con tres únicos personaxes: David, o viaxeiro e mais un vello. A acción desenvólvese nun único espazo, as plataformas da estación de ferrocarril de Lugar, unha apeadeiro vello e practicamente abandonado do interior de Galicia, e onde se deteñen soamente os trens de proximidades e non os que enlazan coa capital.

A acción desenvólvese, conforme a acoutación da táboa inicial, na primavera de 1977. Con todo, en realidade, a acción desenvólvese en tres momentos distintos, 1964, 1977 e 1989, aínda que presentada dunha maneira continua, e con saltos temporais que son o interese fundamental da obra e a súa maior virtude dende o punto de vista estrutural. A estación serve de punto de encontro de David (que vive en 1977, sumido no maior dos fracasos), e do viaxeiro, que acode en 1964 a unha homenaxe que lle tributan as autoridades da vila por ser o responsábel do encoro que asolagará a vila. Aínda que ao comezo non se recoñecen, os feitos e os diálogos irán conducindo a unha evidente anagnórise, na que se enfrontan as memorias e os fracasos dos amigos da infancia: David fixéralle perder o ollo ao amigo-viaxeiro, e o viaxeiro era o responsábel do asolagamento de Lugar e, conseguintemente, da miseria de David. Na última escena da obra, David atópase co Vello, que en realidade é el mesmo en 1989, para pechar o círculo das explicacións e do propósito da obra.

Dúas temáticas fundamentais se perciben na obra: a primeira, máis intimista e persoal, reflexiona sobre a memoria e sobre como os individuos recompoñen os seus recordos en función dos acontecementos do futuro ("cos anos o seu resentimento transformou aquelas lembranzas", di David). O doroso esquecemento das vellas amizades, o fracaso individual e a permanencia do rancor levarán finalmente ao falecemento do viaxeiro, presentido ao longo de toda a obra, e a coxeira de David ferido dun disparo. Pero ao mesmo tempo 'Lugar' é unha obra de carácter social, que remite aos conflitos dos encoros e da propiedade das terras dos últimos anos da ditadura (Castrelo de Miño, As Encrobas...), e do que se resalta non tanto a resistencia, a opresión ou os intereses económicos, como un fondo final de fracaso colectivo.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |