Libros

Os libros arden mal

Outros libros


Os libros arden mal

Manuel Rivas, escritor
3,6/5 (5 votos)

Narrativa, Edicións Xerais de Galicia, 2006

ISBN: 978-84-9782-461-3

A máis extensa e máis complexa das novelas de Manuel Rivas, Os libros arden mal, supuxo a consagración definitiva do autor máis importante da narrativa galega de entre dos séculos, tanto en respaldo crítico como en resposta de público.

Os libros arden mal, publicada en 2006, é a novela máis longa (741 páxinas) do escritor e xornalista coruñés Manuel Rivas. Aínda que redactada e concibida no transcurso dos anos anteriores, foi precisamente no ano que fora sinalado como da memoria pola Consellería de Cultura da Xunta, cando viu a luz, nun momento en que diversos autores estaban revisitando na súa produción o tema da guerra civil e da represión da posguerra. Porén, máis ca un libro sobre a guerra ou sobre a ditadura, 'Os libros arden mal' é un retrato da sociedade galega da posguerra e da reconstrución das relacións sociais tras o conflito armado.

Non era pois a primeira vez que Manuel Rivas escribía unha novela histórica ou, cando menos, centrada nos feitos do pasado inmediato: a novela O lapis do carpinteiro e o conxunto de relatos recollido en Que me queres, amor? incidían en boa medida nesa mesma temática. A diferenza que achegou Os libros arden mal, ademais da complexidade da súa estrutura, foi a reflexión sobre a memoria e a transmisión xeracional do coñecemento, metaforizada nas muxicas de libros que se espallan pola cidade da Coruña logo da queima pública de volumes, na enseada do Orzán, o 19 de agosto de 1936. Ese é o punto de partida do libro, e o capítulo onde se narran estas queimas de libros por parte dos falanxistas, o máis extenso dos noventa que compoñen a obra.

Porén, a trama, disposta como unha "esfera armilar" en palabras do propio autor, salta a cotío cara adiante e cara atrás desa data. Os distintos personaxes, dun e doutro bando, van tecendo ao longo dos anos da posguerra complexas relacións, pondo a miúdo en contacto a vítimas e verdugos. Así, dende as últimas horas do pastor inglés George Borrow, vendedor e asinador dunha cobizada biblia protestante, ata a emigración europea (a Londres) dos tempos da democracia, os falanxistas e os descendentes dalgúns coruñeses represaliados tras a guerra irán rozándose e encaixándose os uns nos outros, nunha trama que perde importancia en favor da descrición de pequenos acontecementos da vida persoal e íntima dos personaxes, a través do que se podería denominar "fantasía sentimental" tan característico da obra de Rivas.

Ademais das coincidencias estilísticas e da referencia á historia da Galicia do século XX, son moitas outras as claves da obra rivasiana que atoparon a súa culminación nesta obra: o panteísmo naturalista de En salvaxe compaña, por exemplo, entronca co pensamento ecoloxista e naturista dos homes que tomaban o sol espidos n'Os libros arden mal. Pero tamén a vontade de destacar o papel do anarquismo na Galicia republicana, moitas veces silenciado no proceso de recuperación da memoria pola dimensión doutros represaliados, ou as referencias ao boxeo e á homosexualidade, por exemplo, son constantes que se poden rastrexar ao longo da narrativa de Rivas e sobre as que destaca a presenza da cidade da Coruña como personaxe fundamental nesta novela.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |