Libros

Follas novas

Outros libros

Autores relacionados:

Lecturas temáticas:


Follas novas

Rosalía de Castro, escritor
4,78/5 (9 votos)

Poesía, Fundación Rosalía de Castro, 1880

ISBN: C-1010/1996

Edicións Castrelos, 1978; Xerais, 1990; Galaxia, 1993; Editorial Compostela, 1991; AS-PG, 1996; Fundación Rosalía de Castro, 2004.

Este segundo e derradeiro libro de poemas que Rosalía publicou en galego viu a luz en 1880, malia que a meirande parte das composicións están datadas 10 anos antes. Nas “Dúas palabras da autora” que figuran no comezo, e que funcionan como autopoética, a escritora fala da súa poesía como resultado dunha converxencia entre as vivencias íntimas e os aconteceres colectivos, consciente dos condicionantes sociais do seu tempo e lugar.

Os abondosos estudos sobre a obra falan de que na ordenación non é doado estabelecer unha liña de coherencia, dado que as súas cinco seccións teñen un carácter relativamente heteroxéneo e non excesivamente planificado, aínda que tamén houbo quen sinalou que se trata dun libro unitario que traza un proceso ascendente desde o eu cara ao nós. No conxunto da traxectoria poética da autora, é lido habitualmente como un libro de transición entre a vocación colectiva de Cantares gallegos e o intimismo de En las orillas del Sar.

Marina Mayoral, Catherine Davis ou Alonso Montero coinciden, en terminoloxías diferentes, en entender que son dous os eixos que integran as múltiples voces do libro, o íntimo e o social, cunha división abondo borrosa entre ambos os dous, quizais a parte máis valorábel do conxunto.

No primeiro bloque de textos, “Vaguedás”, figuran textos emblemáticos da súa poética como o tan citado “Daquelas que cantan as pombas i as flores”.

En “Do íntimo” salienta a expresión de sentimentos, por veces intermediados por personaxes con que a voz lírica se identifica. “Varia” é unha sección miscelánea en que o íntimo se comeza a mesturar co colectivo. En “Da terra” xorde unha poesía no ronsel de Cantares, máis desde unha óptica en que a denuncia se torna máis conflitiva. Na sección que pecha o libro, “As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos” o colectivo é o protagonista, e apúntase cara á emigración desde a perspectiva das mulleres.

Símbolos que xa aparecían en Cantares van cobrar agora unha dimensión alegórica; así o mar, o camiño, o cravo ou a negra sombra. A reflexión sobre a existencia e a radical soidade atravesan todo o poemario.

É Follas novas unha obra inovadora tamén na métrica, que se move entre a herdanza das forma populares e un afán de experimentación persoal con combinacións de versos inéditos até entón na poesía galega.

A súa vontade experimental, así como a innovación temática e a súa dimensión colectiva amosan nesta obra a Rosalía coñecedora das corrente ideolóxicas, estéticas e literarias do seu tempo, unha autora en que agroman socialismo utópico, reivindicación nacional e feminismo, e que se converteu en referente fundacional da literatura de noso. O que abonda para superar esa imaxe que a acoutaba como autora dominada pola espontaneidade, pola inspiración popular ou pola sentimentalidade de corte romántico.

Follas novas supuxo un salto cualitativo na súa exploración de realidades abstractas, metaliterarias ou existenciais, algo que levaba implícito unha reivindicación da lingua en que se escribe, daquela cun status abondo feble e cinguido a unha produción costumista ou folclorizante. E será isto o que a converta en anticipadora da lírica moderna, xa lonxe dos postulados románticos máis tamén das correntes realistas hexemónicas, e asemade nunha autora de radical contemporaneidade.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |