Libros

Ideoloxía e distorsión

Outros libros

Autores relacionados:


Ideoloxía e distorsión

Francisco Sampedro, escritor
0/5 (0 votos)

Ensaio, Edicións Xerais de Galicia, 1997

ISBN: 978-84-8302-145-3

Ideoloxá e distorsión, recolle boa parte dos contidos da tese de doutoramento do seu autor, o profesor de filosofía Francisco Sampedro, e é o maior expoñente de ensaio marxista escrito nunca en galego. Nel explórase o concepto de ideoloxía e a súa visión en autores do pensamento dos últimos tres séculos.

Ideoloxía e distorsión non foi o primeiro libro de ensaio de Francisco Sampedro, pero si aquel en que con máis fondura indagou en importantes conceptos sociolóxicos cunha longa extensión. Autor de numerosos artigos sobre a cuestión en revistas especializadas, neste volume de 1997 integraba boa parte da súa tese de doutoramento e dáballe unha fasquía de libro autónomo. Esa é por demais unha práctica bastante común na literatura ensaística galega dos últimos trinta anos, a de aproveitar os contidos dun labor científico para a súa publicación editorial.

Así pois, o libro ten unha estrutura certamente ríxida e metódica, e vai analizando, con gran cantidade de citas e referencias bibliográficas a outros autores, a evolución do concepto de ideoloxía. Faino en tres seccións principais, que abranxen a maior parte das páxinas do volume: unha que dedica ao "pensamento conservador" e onde se detén fundamentalmente na análise do concepto de ideoloxía en Nietzsche, outra ao redor de Marx e do marxismo (que concibe a ideoloxía como "produto da reificación das relacións de produción"), e unha terceira sobre a filosofía freudiana pero que Sampedro escolma non sobre Sygmund Freud senón sobre o marxista francés Louis Althusser e sobre a fusión que realiza entre o pensamento do psicólogo de Viena e o discurso da esquerda filosófica post-1968.

Francisco Sampedro, que asume en boa medida o pensamento althusseriano, parte da idea de que a ideoloxía constitúe unha condición interna do pensamento, da existencia e da praxe humana, e defínea coma o "conxunto relativamente organizado e minimamente racional de ideas, imaxes, normas, valores, arredor dos obxectos culturais, no cal un suxeito, unha comunidade, ou un grupo social reflicte, xustificándoa e/ou lexitimándoa, a súa relación coa realidade, e en función do cal orienta ou inclina, conscientemente ou non, as súas decisións e/ou acción".

Aí condensa as dúas visións máis comúns do concepto de ideoloxía que se basean no positivo e no seu contrario: dunha parte a ideoloxía é o conxunto de ideas, de percepcións da realidade; da outra, como vista no espello da deformación, é o conxunto de mentiras que tratan de camuflar a realidade e a súa evidencia. Segundo esta última acepción, que é a manexada por Sampedro como guía sen perder de vista a súa definición positiva, non estaría a sociedade de entre dous séculos fronte ao remate da historia e das ideoloxías, como propugnara Fukuyama só uns anos antes da edición do libro de Sampedro, senón ante a súa reafirmación. Ao longo do libro, e dunha maneira non cronolóxica, Sampedro analiza a posición que a historia, a ciencia ou a economía teñen na conceptualización da ideoloxía.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |