Libros

A lagoa das nenas mudas

Outros libros


A lagoa das nenas mudas

0/5 (0 votos)

Narrativa, Edicións Xerais de Galicia, 2007

ISBN: 978-84-9782-521-4

A lagoa das nenas mudas, de 2007, está entre as novelas máis recentes de Fina Casalderrey, unha das escritoras galegas máis prolífica, especializada en literatura infantil e xuvenil. A trintena de títulos narrativos de Casalderrey está dirixida a distintos perfís de idade, dende os máis pequechos aos adolescentes, pero toda ela ten unha grande unidade onde mestura a lírica da vida diaria coa resolución de problemas, unha das constantes da literatura para rapaces dos anos noventa e principios do século XXI.

A lagoa das nenas mudas conta a historia da amizade de dúas pícaras cun difícil background e que coinciden, por casualidade, ao sentar xuntas na escola. Unha é Ío, unha rapaza con problemas emocionais, completamente marxinada na clase, illada duns compañeiros cos que non se comunica. A outra é Amina, unha nena recén chegada de Nixeria, que tampouco fala nin unha palabra de galego. O libro estrutúrase alternando capítulos narrativos, onde se describe o sucedido na escola, e capítulos reflexivos que son cartas que Amina lle dirixe a un amigo que vive en Nixeria, e onde lle dá saída aos sentimentos que non pode expresar na clase. A medida que avanza a historia elas van construínda unha intimidade baseada en debuxos ao tempo que se desvelan as causas da súa melancolía, ata que como consecuencia dunha experiencia traumática son capaces as dúas de acceder aos segredos da outra.

Esta é unha novela do que poderiamos denominar o subxénero de escola, onde os protagonistas son rapaces do mesmo tempo dos que aqueles aos que se dirixe a novela (neste caso, a partir de dez anos) e onde a parte fundamental da acción e das relacións entre os personaxes se constrúen no marco do colexio. Dalgunha maneira, o nesgo pedagóxico da literatura infantil amósase neste tipo de novelas dunha forma máis velada, pois permite achegar a trama aos distintos problemas sen dramatismos, de xeito máis tanxencial, e centrando o seu efecto non tanto nos protagonistas como na comunidade escolar que os presencia, e onde o lector mozo se recoñece rapidamente. Iso non implica unha renuncia a abordar problemas e neste caso casalderrey trata cuestións como a inmigración, os malos tratos, a violencia de xénero, a incomunicación ou os difíciles equilibrios que se establecen na comunidade escolar.

A prosa de Casalderrey é moi lírica, cunha adxectivación delicada e cun ollo posto no acontecemento e outro na reacción duns personaxes que senten, se preocupan, rin e choran. Nese punto, o equilibrio coas ilustracións suaves de Patricia Castelao é moi atinado. As imaxes, de debuxo realista pero onde a fantasía e un lixeirísimo humor están sempre presentes, permiten guiar a historia e complementan ocos narrativos que o texto deixara, dando chaves para descubir os segredos das rapazas. É ese lixeiro humor, moitas veces rudo como o dos rapaces, outras elaborado e irónico como no episodio do poema aldraxante sobre Amina (que ela aprende e canta na clase para empatizar), a válvula que lle abre o paso á crítica social e de costumes.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |