Libros

Gramática do silencio

Outros libros

Autores relacionados:


Gramática do silencio

Eusebio Lorenzo Baleirón, escritor
0/5 (0 votos)

Ensaio, Espiral Maior, 1996

ISBN: 84-88137-96-6

1996 Espiral Maior

Gramática do silencio recolle a obra completa do barbanzán Eusebio Lorenzo, un dos máis brillantes representantes da poesía galega dos anos oitenta e falecido cando tiña unicamente vintecatro anos. O decadentismo, a metafísica da linguaxe e o culturalismo están aquí presentes, cunha morte que acada, quizais, unha presenza máis real e dorosa do que noutros membros da súa xeración.

Gramática do silencio (1996) é un volume de complexa estrutura que pretende reunir a obra completa de Eusebio Lorenzo Baleirón, tanto a publicada en vida como a póstuma. Integra, en primeiro lugar, as dúas primeiras obras de Lorenzo Baleirón, Os días olvidados e O corpo e as sombras, publicados os dous orixinalmente en 1985 e que recollen poemas dos anos anteriores, parcialmente repetidos no segundo deles, cunha liña temática común. Por outra parte, trae consigo A morte presentida, edición xa póstuma de 1988, construída sobre a base dunha Gramática do silencio orixinal, finalista do Esquío en 1985, e onde se presentan os poemas escritos por Lorenzo nos últimos meses. Ademais, ocupa practicamente unha terceira parte do volume a colectánea de poemas soltos, manuscritos e nunca editados con anterioridade.

A súa poesía encaixa á perfección no código dos creadores dos oitenta, como xa recolleu no prólogo á súa primeira publicación o tamén poeta do tempo Román Raña: "tense dito que o noso grupo propende ao libresco e ás referencias da cultura occidental", sinala, pero na mesma medida ca ás referencias culturais canto máis afastadas mellor (poetas clásicos e medievais esquecidos, Cunqueiro, Borges, Pessoa, románticos de toda lingua e condición...) aparecen xa alí as dúas claves temáticas máis importantes da súa xeración: a perplexidade ante o paso do tempo e a busca metapoética que explique as razóns da creación lírica ("acaso dicir rosa é nomear todas as rosas / pois na palabra dormen a forma e a esencia?").

En Eusebio Lorenzo a percepción do decorrer do tempo é particularmente devastadora ("que vai chegar o día a cabalo dun poldro / e tan só do meu corpo poderán quedar sombras"), e todo o poema enche de brétemas, friaxes, desolación e soidade, ocultas baixo unha acumulación de versos rotos, de complexa lectura, e significado velado ("A sombra deixará ver sobre a folla / morta que quede morta no meu paso / outra sombra que son e agora teño"), dirixidos á introspección existencial.

Paradoxalmente, é nos seus últimos poemas onde a tristura e a melanconía amortecen e onde os versos, case sempre libres, van acurtando cara a un ritmo máis lixeiro e vivo. Non por iso abandona a preocupación pola linguaxe (título do primeiro poema, nunha sección titulada "Silencio: figuras" e que contén versos como "porque o poema é / unha lingua de area / que se deita entre os mares do outono, / unha forma calquera de dicir os nomes exactos da luz"), nin as referencias culturais (menos numerosas, iso si). Pero a paisaxe de brétemas e sombras cédelle paso á noite de agosto nas rúas de Lisboa, e á mañá, e a percepción do paso do tempo procura outras imaxes ("as rosas de abril", "o medrar das cerdeiras") máis felices.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |