Libros

A gaita gallega

Outros libros


A gaita gallega

5/5 (1 votos)

Ensaio, Imprenta de D. José e D. Primitivo Vilas, 1853

ISBN: 978-84-8302-927-5

1853, Imprenda de D. José e D. Primitivo Vilas; 2002, La Voz de Galicia; 2003, Xerais

A gaita gallega, tamén coñecida en edicións modernas como A gaita galega, é o primeiro libro publicado en galego na época moderna. O seu carácter misceláneo fai que sexa unha obra moi irregular, máis importante pola súa relevancia histórica ca pola calidade literaria.

O valor fundamental d'A gaita gallega, do pontevedrés Xoán Manuel Pintos, non reside só no feito cronolóxico de ser o primeiro libro publicado en galego logo dos Séculos Escuros. É tamén un sinal do rexurdimento vindeiro e un catálogo ideolóxico do provincianismo da primeira metade do século XIX. Polo demais, A gaita gallega tocada polo gaiteiro, ou sea carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega, que ese é o título completo, recolle moitos dos tópicos costumistas que, na altura, se rexistraban ao longo e largo da literatura europea.

A gaita gallega foi editada por entregas ao longo do ano 1853 nunha imprenta pontevedresa, isto é, só dez anos antes dos Cantares Gallegos de Rosalía. Porén, entre as dúas pezas median abismos literarios. Para empezar, A gaita gallega é unha obra miscelánea, onde se incorporan distintos xéneros e incluso distintas linguas, o que corresponde cunha evidente falta de institucionalización literaria. Pero ademais, a obra, estruturada en sete foliadas de desigual tamaño, ten unha finalidade pedagóxica que a sitúa só nos límites da literatura moderna e achegada ás formas paraliterarias do XVIII (diálogos, libros de mestres, etc.).

A fío condutor do volume é o diálogo que manteñen un gaiteiro galego e o seu tamborileiro castelán, des que se coñecen e empezan a ir de foliada xuntos. O gaiteiro, que fala galego, e o tamborileiro, que o fai en castelán, analizan diversos problemas da sociedade galega do tempo, e que despois dunha breve troca de opinións, acaban coa aceptación da opinión do gaiteiro, coincidente co decálogo provincianista: a falta de conciencia de país ("los gallegos, con muy raras excepciones, parece que reniegan de todas las cosas de su patria"), a vida dos emigrantes, a situación crítica da agricultura, o mal funcionamento das diversas administracións (con mensaxes populistas contra as taxas e contra a xustiza) e, particularmente, un discurso amplo sobre a lingua.

O argumentario sobre o idioma é central: recoñécese a súa existencia en por si (o que non é cuestión menor), realízanse críticas aos que rexeitan o seu uso ("vaya vaya que inda muitos / aquí nados con enseño / tomaran eles gabarse / do que o meu tamborileiro") e pídese unha maior implantación do galego nos ámbitos formais. Asemade, esta colección miscelánea de textos onde se integran contos, poemas longos e breves, e incluso composicións enteiras escritas en latín, coma o "Carmen patrium sive Pontevedra" (traducido logo ao galego), inclúe catálogos léxicos (en forma de copla ou en listaxe, cun dicionario galego-latín), ou reflexións gramaticais e ortográficas.

Sobre a diversidade métrica destaca a copla: nela recae o valor costumista da peza, cantada polo gaiteiro, símbolo nacional e ao mesmo tempo das clases populares, e serve de vehículo tanto para as ensinanzas morais como para os contidos máis enxebristas. As coplas, extensísimas, non teñen demasiada perfección métrica, da que tamén carecen os versos máis longos e elaborados, que lemos nos poemas a Pontevedra ou á composición reivindicativa dirixida á raíña de España.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |