Libros


A esmorga

Eduardo Blanco Amor, escritor
4,62/5 (21 votos)

Narrativa, Editorial Galaxia, 1959

ISBN: 978-84-8288-739-5

As primeiras edicións en Galicia foron: Galaxia, 1970 (edición censurada); Galaxia, 1993 (primeira edición íntegra na Obra completa).

A achega de Blanco Amor á narrativa galega do seu tempo enténdese hoxe como determinante para a súa modernización e desenvolvemento. A súa escrita cadra cronoloxicamente coa Nova Narrativa Galega e incorpora varios dos avances técnicos que lle son característicos, mais por traxectoria biográfica e polas diferenzas temáticas claras non se pode adscribir a este grupo de renovación da prosa.
Na novela lemos o relato que Cibrán Canedo, personaxe pertencente ao proletariado da cidade de Auria, na estrema da marxinalidade, fai, perante un xuíz do que non coñecemos o nome nin escoitamos a voz, o relato dunha sucesión de acontecementos dramáticos protagonizados por el e por outros dous compañeiros, Eladio Vilarchao e Juan Fariña, ao longo dun día de xolda.
Fronte ao narrador omnisciente característico da prosa decimonónica, A esmorga presenta dous narradores limitados, un que inicia e pecha o relato e outro que é quen desenvolve o seu núcleo en primeira persoa. Dáse así unha estratexia de distanciamento que demanda un lector activo que saiba manexar a ambigüidade, convivir cun final non unívoco ou coas dúbidas sobre a veracidade do que se conta.
O relato preséntasenos como unha reconstrución da declaración de Cibrán feita bastantes anos despois por un narrador que bota man de documentación escrita e oral. A denominada técnica telefónica que se emprega para eludir a voz do xuíz permitiulle a Blanco Amor solventar o problema da verosimilitude que suporía colocalo falando en galego pero tamén focalizar o interese no discurso do narrador e protagonista, así como simbolizar a falta de comunicación entre o estamento xudicial e a sociedade en que se insire.
As lecturas d'A esmorga fóronse facendo máis completas desde uns comezos que sinalaban a pegada da novela picaresca até unha interpretación á luz do existencialismo e outra posterior de corte sociolóxico. Falouse dela como dunha obra de antiheroe problemático, relato dunha viaxe iniciática cara ao fracase e á morte mais tamén dunha novela coral en que a protagonista é a cidade de Ourense de comezos do século XX , da súa compoñente social, froito da combinación de realismo histórico e de crítica social contra as estruturas dominantes. Tamén de que é unha obra susceptíbel de ser lida á luz das leis da traxedia clásica, no que ten de fuxida sen retorno na que os personaxes, vítimas dun determinismo social, camiñan cara á autodestrución.
É esta unha novela en que a linguaxe crea realidade e en que salienta un espléndido traballo de recreación da fala popular, de inclusión de formas dialectais, suburbiais ou de xerga.

Imprimir


Comentarios (1)

#1 18/Setembro/2007 | Alvaro dixo:

Libro interesante.


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |