Libros

Ensaios e poesías

Outros libros

Autores relacionados:


Ensaios e poesías

Johán Vicente Viqueira, escritor
5/5 (1 votos)

Ensaio, Nós, 1930

ISBN: 84-7154-222-6

1930, Nós; 1974, Galaxia

En 1930, seis anos despois de falecer, relativamente novo, Xohán Vicente Viqueira, os seus amigos fixeron unha edición de escritos dispersos onde se recollía toda a súa obra literaria. En 1974, cando se facía o cincuenta cabodano, realizouse unha nova edición, máis amplamente difundida, queintegraba un prólogo do médico e pensador Domingos García-Sabell.

O volume é, por necesidade, moi heteroxéneo e recolle uns 46 textos de carácter ensaístico, algúns poemas e un pequeno capituliño de traducións. Estas versións corresponden a pequenos fragmentos de Miguel Anxo, Goethe (tres) e Hebbel, así como doce "Idilios" do grego Teócrito, onde demostra Viqueira o seu dominio tanto do alemán, onde consultaba e lía directamente tratados filosóficos, como das linguas clásicas. Os poemas son unicamente oito, sete deles escrito en galego e o outro, sobre as paisaxes pacenses de onde era a muller, en castelán. Estas composicións de rima e estrutura simple, son aínda máis sinxelas tematicamente, con descricións de paisaxes cargadas de simbolismos e pequenas chiscadelas ao neotrobadorismo en voga no tempo (primeiros anos da década dos vinte).

Os textos ensaísticos son tamén breves. Moitos deles non pasan de ser reflexións de catro ou cinco parágrafos aparentemente inconexos, e o resto son, na súa práctica totalidade, artigos publicados no xornal A Nosa Terra e, por conseguinte, necesariamente breves. Dos 46 textos, os nove primeiros están escritos en castelán, e abordan cuestións filosóficas e relixiosas, mentres que o resto, en galego, se centra no traballo pedagóxico, nas cuestións lingüísticas e no posicionamento político e identitario.

Partidario dun ensino en galego, dunha maior escolarización e educación da muller, da implantación de linguas estranxeiras no ensino, a cuestión educativa e pedagóxica toca unha quinta parte dos seus escritos, onde reflexiona sobre os obxectivos da modernización do ensino galego en todos os niveis de idade, dende a primaria á universidade. Conectado con este preséntase a cuestión lingüística, onde ademais dunha defensa do papel do galego na Galicia do futuro, propón unha reforma ortográfica que "traballe pola exquisitez do idioma" e que se achegue máis á etimoloxía e á lingua portuguesa, que debería segundo el ser un referente gramatical e léxico. Con todo, moitas destas opinións non van máis aló de coidadas e elaboradas reflexións impresionistas, sen grandes desenvolvementos que apoien as súas teorías e cunha limitación lóxica da extensión na que podían ser publicadas. Dese cariz son, por exemplo, as súas reflexións sobre a saudade como elemento definitorio da identidade galega, na liña do nacionalismo alemán de principios de século, que atopaba no carácter e no espírito os trazos nacionais identitarios. Na praxe política, apostaba por unha converxencia entre nacionalismo e socialismo, o que o situaba na á máis esquerdista do galeguismo.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |